cabecera-patrimonio-literario
Search

Pasear entre as vivendas circulares de Santa Trega (A Guarda), co encontro do río Miño e o Océano Atlántico aos pés, é unha experiencia cargada de espiritualidade que transporta ao viaxeiro á Galicia de hai dous milenios. Unha sensación similar vívese no monte do Facho (Cangas do Morrazo), ao admirar no horizonte as Illas Cíes tras camiñar xunto ao antigo castro e ollar a cima. E un halo de misterio cobre Campo Lameiro, onde se atopa a maior concentración de arte rupestre ao aire libre de Europa. Bosques, fervenzas, pozas, illas, castelos… A provincia de Pontevedra destila paisaxes máxicas no seu catro puntos cardinais. Estes son algúns deles:

Mogor (Marín) . Xunto a unha paradisíaca praia atopamos un conxunto de petróglifos nunha ladeira que garda un segredo milenario. Os labirintos de Mogor, moi similares a outros atopados en Laponia, Finlandia, Islandia e Inglaterra, manteñen oculto o seu verdadeiro significado 4.500 anos despois de seren gravados na pedra. O xacemento está ademais situado nunha contorna idílica, con tres praias galardoadas con bandeira azul: Mogor, Portocelo e Aguete. Un lugar máxico polos seus símbolos e a súa paisaxe.

Petroglifo de la playa de Mogor, MarínPetroglifo de Mogor en Marín
Playa de Mogor en MarínPlaya de Mogor en Marín

Illas Cíes (Vigo) . A historia da xoia do Parque Nacional Illas Atlánticas está repleta de lendas. Unha delas conta que alí desembarcou Xulio César na súa persecución contra os guerreiros da tribo dos Herminios. No medievo o arquipélago estivo habitado por monxes de varias ordes relixiosas, e desde alí, no século XVII, preparaba os seus ataques o temido Sir Francis Drake ao mando da Armada Inglesa. Os caza tesouros exploraron en numerosas ocasións a contorna do arquipélago en busca do lendario galeón Santo Cristo de Maracaibo, que se afundiu con riquezas formidables a bordo tras a batalla de Rande en 1702.

Bosques máxicos . Personaxes de lenda poboan os bosques das Rías Baixas. As meigas xúntanse as noites de lúa e as ánimas da Santa Compaña camiñan envolvidas nos seus sudarios polos camiños de madrugada. A provincia de Pontevedra conta con fantásticos espazos naturais onde os ríos flúen mansamente entre as pedras e unha exuberante vexetación autóctona, evocando fantásticas historias. O camiño desde O Toxa ao espléndido mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a contorna dos ríos Tea e Alén no Condado-Paradanta, ou os bosques de Terra de Montes son lugares de conto cunha aura máxica.

Islas CíesIllas Cíes
Monasterio de Carboeiro en SilledaMonasterio de Carboeiro en Silleda

Santa Trega (A Guarda) . Sentinela do estuario do río Miño, o castro de Trega é unha marabilla arqueolóxica emprazada nun lugar espectacular. En 1913 descubríronse os primeiros restos deste xacemento, datado entre os séculos IV a. C. e I d. C. cuxos secretos saíron á superficie nas sucesivas escavacións. O MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega) espera monte arriba para penetrar o viaxeiro na historia do castro. As panorámicas desde a cima do monte cara á desembocadura do Miño, a costa de Portugal, o océano e A Guarda, son un espectáculo impresionante do que gozan turistas de todo o mundo.

Campo Lameiro . O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, vila do interior da provincia, é o soño dourado de calquera afeccionado aos petróglifos. Aquí atopamos a maior concentración destes gravados ao aire libre en Europa, así como unha fantástica réplica dun poboado castrexo. No centro de interpretación podemos coñecer a fondo a vida e os costumes dos habitantes de Galicia fai catro mil anos a través de paneis, pantallas, reproducións e antigas pedras achadas nas escavacións, coma lascas, coitelos ou puntas de frecha.

Castro de Santa Tegra en A GuardaCastro de Santa Tegra en A Guarda
Petroglifo del Ciervo de Campo Lameiro, PontevedraPetroglifos de Campo Lameiro

A Lanzada (Sanxenxo) . Unha espectacular praia de bandeira azul no impresionante istmo que conecta Sanxenxo co Grove, unha fermosa ermida, un antigo castro e un areal con forma de cuncha no que as noites de San Xoán o último sábado de agosto se realiza un lendario rito de fertilidade. É o mosaico que compón a paisaxe da Lanzada, que respira maxia polos catro costados.

Castelo de Soutomaior . Ao fondo da ría de Vigo, terra dentro para mantela a salvo das invasións por mar, foi erixida hai case mil anos unha fortaleza de lenda que hoxe, completamente restaurada e cun flamante museo no seu interior, vive unha nova época de esplendor. Soutomaior foi escenario das andanzas do misterioso Pedro Madruga, nobre que aseñorou estas terras no século XV e batallou contra os Irmandiños e o clero. Sobre a súa figura existen estudos que o identifican con Cristovo Colón. Para coñecer as miudezas do castelo o mellor é visitar o seu museo e pasear polos belos xardíns do século XIX. A lenda conta que tras as paredes habita unha pantasma, á que chaman “O Alemanote”, cuxa existencia revelou a escritora María Vinyals, outra das grandes personaxes históricas que habitaron o castelo.

Ermita da Lanzada en PontevedraErmita de A Lanzada
Castelo de SoutomaiorCastelo de Soutomaior

Fervenzas e pozas . Seica nas noites de San Xoán unha moura peitea os seus longos cabelos cun cepillo dourado na Poza da Moura (Moaña). A lenda narra que seu pai matou alí o campesiño do que estaba namorada e ela, abatida, mergullouse ao pé da fervenza ata desaparecer. As fervenzas das Rías Baixas, ademais de belas, son lugares máxicos, como a do Toxa (Silleda), a máis alta de Galicia cun salto de 40 metros, a de Segade (Caldas de Reis), ou a do río Barosa, nun parque da natureza con fermosos muíños restaurados.

O Facho (Cangas do Morrazo) . Unha espléndida panorámica das Illas Cíes, cos cantís da Costa da Vela e Cabo Home aos pés dos seus visitantes, ábrese desde a cima do monte do Facho, na aldea de Donón. Alí atópanse os restos dun castro do século VIN a. C., do que podemos ver, tras as escavacións arqueolóxicas realizadas, parte das murallas, o foso e as pedras que conformaban as vivendas. No lugar erixiuse un santuario en honra ao deus galaico Berobreo.

Fervenza da Toxa en SilledaFervenza da Toxa en Silleda
O Facho en CangasMonte O Facho en Cangas

Mámoas e dolmens . Os monumentos funerarios emerxen de norte a sur na provincia de Pontevedra como testemuñas en pé do culto aos mortos no pasado. En Moraña atopamos as mámoas da Pallota, Paraños, Petouto, Santa Lucía, Querguizo, Monte Laceira e do Deitadeiro, e Monte Ardegán. Pero tamén hai mostras destes monumentos en Redondela, Cuntis, Cotobade, Poio, Vilaboa, Marín ou Sillleda. O dolmen de Chan da Arquiña (Moaña) é outro lugar que desprende maxia preto do espléndido lago de Castiñeiras e o seu parque natural. A senda dos dolmens de Mos, con máis de 15 pezas megalíticas, é igualmente un bo exemplo destas construcións milenarias.

A Cabeciña (Oia) . A Ruta Máxica de Oia segue un percorrido de 20 quilómetros que combina natureza, espectaculares vistas e arqueoloxía. O xacemento da Cabeciña, composto por un castro e un conxunto de excepcionais petróglifos, é o seu principal atractivo. A estes valiosos petróglifos de Oia, e aos citados de Mogor e Campo Lameiro, únense moitos outros misteriosos gravados en numerosos municipios da provincia: Casa da Rapadoira (Pazos de Borbén); Os Ballotes (Vilagarcía de Arousa); Pedra das Tixolas (Catoira); Pedra dás Ferraduras (Cotobade), Chan de Deus, Gargantáns e Ardegán (Moraña); A Ran e Cequeril (Cuntis); Forzáns e Xustáns (Ponte Caldelas ); Laxe das Lebres de San Salvador e Montecelo de San Salvador (Poio); Castro Loureiro (Barro); e Monte Tetón (Tomiño) e Pé da Mula (Mondariz) son extraordinarias mostras de arte rupestre en contornos máxicos das Rías Baixas .

Dolmen e Mámoa de Chan de Arquina Dolmen Chan de Arquina en Moaña
Ruta máxica de OiaRuta máxica de Oia