Plans para decembro en Pontevedra
Desde o 1 ao 3 de decembro pódese visitar a feira de industrias culturais Culturgal en Pontevedra, unha exposición para empaparse de todas as novidades con respecto ao mundo cultural: música, cinema ou libros, incluíndo por suposto conferencias e charlas entre os diversos participantes. O evento celebrarase no Pazo da Cultura da capital da provincia. Tamén nesa localización, a falta dunha data concreta, situarase a pista de patinaxe sobre xeo, do mesmo xeito que en anos anteriores.
A mesma fin de semana o municipio de Forcarei celebra a Festa Gastronómica da Richada. Salvaterra de Miño acolle o 2 e o 3 a súa IV Festa do Viño Espumoso co obxectivo de potenciar esta variedade de viño en Galicia, que ademais forma parte da destacada D. O. Rías Baixas.
O Mercado campesiño–mariñeiro de Cangas 1617 é unha proposta da cidade para lembrar a invasión desta vila costeira polos piratas turco-berberiscos, hai 400 anos. O mercado estará formado por ao redor de 15 postos de comerciantes locais de artesanía, alimentación e de oficios tradicionais durante os días 8, 9 e 10 de decembro, na praza da Constitución e na Alameda Vella.
Se imos á cidade de Vigo as alternativas multiplícanse. Unha delas é a pista de patinaxe de xeo, unha opción divertida no outono e inverno, e este ano a cidade terá dúas. A do Náutico permanecerá aberta ata o 28 de xaneiro de 2018, de 16:30 a 22:30 de luns a venres e de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 23:00 sábados, domingos e festivos, desde o 22 de decembro ao 7 de xaneiro. Os festivos 25, 1 e 6 só abrirán pola tarde. A tarifa será de 7 € por 45 minutos.
A de Lavadores abre desde o 1 de decembro ata o 28 de xaneiro, con horarios de 16:30 a 22:00 de luns a xoves e o resto de días de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:0ou. A tarifa será de 5 € por 45 minutos e 4 € se se obtén a entrada con antelación.
Sen saír da cidade, do 21 ao 23 de decembro celébrase o Galician Freaky Film Festival (GFFF). O evento inaugúrase o xoves 21 ás 21:30, na sala Videodrome do Mercado do Progreso 41, para proxectar máis de 20 pezas con outras actuacións. O obxectivo é mostrar ao mundo o legado cultural galego na súa versión máis charramangueira e o seu potencial "freaky".
Entre as exposicións que se atopan na cidade destaca a do pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia de Vigo. Poderase visitar ata o 4 de marzo de 2018, ademais de participar nalgunha das actividades organizadas con motivo da súa presenza na cidade.
Outra exposición interesante é a que recolle réplicas dos inventos de Leonardo da Vinci no Tinglado do porto de Vigo ata o 4 de marzo. Son 8 € por persoa, 6 € para as e os máis pequenos e outros descontos para familias.
O día 27 de decembro o Teatro Afundación acolle unha nova edición de ilusionismo co seu Galicia Magic Fest a partir das 21:30 horas.
Cambiando de municipio, nas Neves realízanse varias sesións teatrais do seu ciclo Outono de Teatro. O día 10 represéntase a obra A louca historia de Galiza, ás 18:00 horas, e o 16 Bar, ás 21:00.
A Vilagarcía de Arousa chegan un ano máis as actividades lúdicas de Fexturrón ao recinto de Fexdega, do 15 de decembro ao 7 de xaneiro. O centro contará cunha pista de patinaxe de xeo natural de 360 metros cadrados.
A estes eventos sumaránselles moitos máis na recta final de decembro, con eventos propios da época do Nadal e que desde Turismo Rías Baixas iremos expoñendo.