Artistas do cinco continentes actuarán en Sinsal, o festival "secreto" da Illa de San Simón
Vinte bandas actuarán este ano nos escenarios principais de Sinsal, un dos 8+1 Festivais Rías Baixas, e o público acudirá sen saber quen son. Fiel ao seu costume, a organización non desvelou os nomes das e dos artistas que tocarán na Illa de San Simón entre o venres 21 e o domingo 23 deste mes. Luís Campos, codirector de Sinsal, anticipou esta mañá na presentación realizada na sede de Estrella Galicia en Vigo que haberá grupos do cinco continentes no evento de música electrónica e vangardista, e citou como exemplo que actuarán ante o público que acode a cegas a San Simón artistas de EE UU, Colombia, Nova Zelanda, Corea do Sur ou Serra Leona.
O público respondeu a un acontecemento musical que no último ano coleccionou premios e críticas favorables: por primeira vez todas as entradas para as tres xornadas están vendidas con antelación. OSinsal, ademais, estableceu unha exitosa alianza co festival Milhôes de Festa de Barcelos, vendendo abonos conxuntos e establecendo sinerxías para captar conxuntamente público de Galicia e o norte de Portugal.
Catro bandas actuarán o venres nos escenarios centrais de San Simón, e oito o sábado e o domingo respectivamente. Pero ademais o chamado Mirador Platú ofrecerá pequenos concertos doutros grupos. As propostas de Sinsal van desde o folk á electrónica, pasando pola revisión da tradición e a psicodelia, e o 90 % do cartel non pasou aínda por Galicia.
O xoves arrinca cunha versión reducida para 200 persoas, convidados especiais e un proxecto da Facultade de Belas Artes
"Son grupos que non é habitual ver nos carteis dos festivais. Parécennos diferentes e interesantes", apuntou Campos nun acto no que tamén participaron entre outras e outros a presidenta da Deputación, Carmela Silva; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic); e Anabel Penín, directora da área de Igualdade da Universidade de Vigo.
Sinsal aposta polas músicas chegadas desde os recunchos máis afastados, co traballo das mulleres integrado con normalidade no cartel. "Non somos un festival indie nin de músicas do mundo, nin de jazz. Pero na nosa identidade está ofrecer todo iso e máis. Sobre todo aquilo que non coñecedes", comenta Xullo Gómez, outro dos directores do evento. O Sinsal ofrecerá así mesmo actividades náuticas, xogos tradicionais e actividades para público infantil, o que o converte nun evento para público de todas as idades.
Aperitivo "especial"
O menú ofrece unha sorpresa este ano ao celebrarse o xoves día 20 unha versión reducida e especial do festival para un máximo de 200 persoas. Alí estarán convidados profesionais de dentro e fóra de Galicia e inaugurarase o proxecto dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Alumnado deste centro deseñou os valos dos escenarios con elementos artísticos. Proximamente poranse á venda as entradas para esta xornada de benvida.
Campaña de igualdade
A Deputación de Pontevedra, por outra banda, pon en marcha nesta edición unha campaña de igualdade nos 8+1 Festivais Rías Baixas, tanto no que se refire ao público como aos equipos de traballo e os materiais. Máis da metade do persoal que se encarga da montaxe e organización de Sinsal está formado por mulleres e o festival colabora desde 2015 coa unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
"Sinsal carga a Illa de San Simón de enerxía positiva. É un festival de talento, cultura, vangarda e excelencia", proclama Carmela Silva
A presidenta da Deputación destacou na presentación que Sinsal é "un festival máxico que carga a Illa de San Simón de enerxía positiva", e mostrouse convencida de que este evento e os demais #RíasBaixasFests converteranse nun referente cultural internacional. "As Rías Baixas son talento, cultura, vangarda e excelencia; e Sinsal integra todos os conceptos. Cada ano sorpréndenos. Hai que ir a Sinsal ", proclamou Carmela Silva.