O castelo de Soutomaior traspasa fronteiras
O castelo de Soutomaior, unha das xoias do patrimonio da provincia de Pontevedra e actualmente en proceso de musealización , reabrirá as súas portas antes da segunda quincena de maio, segundo anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. A fortaleza contará con dez salas nas que se narrará de forma nova e orixinal a súa historia; a de personaxes como Pedro Madruga ou María Vinyals; a súa localización estratéxica no territorio; e as características dos seus belos xardíns e sendas, entre outros atractivos. Todo iso co emprego das últimas tecnoloxías como 3D, mapping e caixas máxicas.
Ademais, na súa nova etapa o castelo dará un salto internacional na súa promoción xa que, segundo resaltou Silva, integrarase no Club de Produto de Turismo Cultural Castelos e Palacios de España, que impulsan a secretaría de Estado de Turismo e a Asociación de Castelos e Palacios Turísticos de España. Estas son algunhas das novidades da fortaleza de Soutomaior tras a musealización:
Centro de Recepción.
Trátase dunha zona de control a través da cal se poderá acceder tanto aos xardíns como ao castelo. Desta maneira poderanse contabilizar todas as visitas que este destino turístico reciba. Segundo palabras da propia presidenta, o espazo de espera dispoñerá de "unha tenda con produtos relacionados co castelo, a camelia e a artesanía local, así como aseos".
Musealización
"Vai ser espectacular e fará do castelo unha gran referencia sen dúbida da provincia de Pontevedra", proclamou Carmela Silva. Nel combinaranse elementos didácticos, para entender de forma idónea e divertida a historia do castelo, con outros dixitais, como o audiovisual, 3D ou un mapping nunha parede da torre, na sala de Pedro Madruga. Ademais instalaranse "grandes caixas máxicas" que proxectarán imaxes que se modificarán a medida que a xente se achegue. "Será outra maneira de contar as historias que aconteceron no castelo", engadiu a presidenta da institución.
A información virará ao redor de dez eixos temáticos, un por cada século de historia, permitindo "ter unha imaxe global da historia do castelo e tamén moita información para poder profundar en aspectos concretos".
A información que se ofrecerá virará ao redor de dez eixos temáticos, un eixo por cada século de historia
Os xardíns tamén serán outro punto importante do novo proxecto, pois se habilitarán áreas de picnic, merendas, talleres, mercados temáticos e festas, actividades e exposicións ou parques e espazos de xogos infantís.
Referente cultural e turístico
O obxectivo final é seguir afianzando a este espazo como un referente, non só do patrimonio e cultura de Pontevedra, senón como impulsor turístico. Só o castelo recibiu en 2017 máis de 30.000 persoas visitantes, "un 32,4 % máis que en 2016 e un 33,5 % máis que en 2015" e onde as visitas de grupos desenvólvense durante todo o ano.
Ademais, unha vez finalizadas estas actuacións, a fortaleza ingresará no Club de Produto Turístico Internacional ‘Turismo Cultural de Castelos e Palacios de España', fomentando a súa promoción e relevancia.
Para esta transformación, o proxecto global recibiu unha subvención de medio millón de euros, 300.000 dedicados ao centro de recepción. Mentres que nas tempadas anteriores foran destinados 210.000 € en 2016 e máis de 600.000 € en 2017.