O concurso "O teu recuncho favorito das Rías Baixas" recibiu xa máis de 135 imaxes e segue aberto o prazo ata xuño
Vistas das illas Cíes desde Cabo Home, fervenzas na Ruta da Pedra e da Auga, distintos espazos da illa de San Simón, A Peregrina, muíños na ría de Arousa , Cabo Udra coa Illa de Ons como pano de fondo, o porto de Combarro de noite etc. As seguidoras e seguidores da conta de Turismo Rías Baixas en Twitter (@turisriasbaixas) empezaron a botar man das súas cámaras e teléfonos móbiles para retratar os seus lugares preferidos, e son xa máis de 135 as imaxes presentadas ao concurso "O teu recuncho favorito das Rías Baixas".
O prazo continúa aberto ata o 25 de xuño, polo que queda aínda tempo para envialas, pero non vos despistedes. O premio paga a pena. A persoa gañadora recibirá dúas entradas para os 8+1 Festivais Rías Baixas deste verán: Atlantic Fest, Cultura Quente, PortAmérica, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño, Revenidas, Vive Nigrán e Cambados Festival Cidade Europea do Viño. Ademais, faráselle entrega dun lote de produtos Rías Baixas.
O concurso ten como motivo conmemorar que Turismo Rías Baixas alcanzou os 20.000 seguidores en Twitter. As bases establecen que todas e todos os participantes poden enviar un número ilimitado de fotos. De entre as imaxes presentadas o xurado elixirá como máximo dez tomas, que serán impresas con 30 copias cada unha en formato postal co nome da persoa usuaria e o logo de Turismo Rías Baixas .
Para presentarse á convocatoria é necesario ser seguidor da conta @turisriasbaixas e utilizar a etiqueta #VinteMilRíasBaixas ou #VeinteMilRíasBaixas para colgar as fotos, ademais de indicar que lugar, paisaxe ou elemento retratan.
Paisaxes, xente, valores, creatividade, tradición ou patrimonio teñen cabida entre as imaxes que compartan as persoas usuarias
A temática do concurso é "O teu recuncho favorito das Rías Baixas", e as e os participantes comparten en Twitter fotografías de todo aquilo que relacionen con espazos situados nas Rías Baixas: instalacións, contorna, xente, valores, creatividade, tradición, patrimonio etc.
A participación implica dar o consentimento á Deputación de Pontevedra e a Turismo Rías Baixas para utilizar as imaxes (atribuíndo a autoría) no material de promoción relacionado coa campaña. As fotografías poderán ser enlazadas en Instagram, mencionando a autoría, a través dos medios de comunicación propios de Turismo Rías Baixas e da Deputación de Pontevedra.
O contido íntegro das bases está dispoñible na ligazón: http://turismoriasbaixas.com/web/portal-web/concurso-de-fotografia-veintemilriasbaixas