O festival Curtas Armadiña clausúrase esta fin de semana en Poio
O festival Curtas Armadiña chega á súa recta final despois dunha semana de actividades relacionadas co mundo audiovisual que arrincaron o pasado 13 de novembro. Este fin de semana proxectaranse as curtas da sección oficial, que por primeira vez conta cun xurado composto integramente por mulleres cineastas. As pezas premiadas daranse a coñecer na gala de clausura, que terá lugar o domingo 19 a partir das 19:00 h.
Na súa terceira edición, o certame audiovisual organizado polo colectivo Armadiña e o Concello de Poio converteuse nunha referencia no sector a nivel provincial, tanto polo nivel de participación logrado como pola programación paralela. En total compiten unha trintena de traballos elixidos de entre os 1.500 presentados e programáronse coloquios e talleres para todos os públicos.
Ademais da sección oficial, o certame conta con outras tres seccións competitivas: ambiental, animación e videoclips. O xurado feminino encargarase de seleccionar a mellor curta das seccións oficial e animación, un grupo de colectivos ecoloxistas elixirán a curta ambiental e o mellor videoclip galego será seleccionado por un xurado novo composto por estudantes de instituto de Poio. O certame tamén outorgará un premio á traxectoria, que nesta edición recae en Nerea Barros, e o premio do público, que se desvelará, do mesmo xeito que o resto de galardoadas e galardoados, na gala de clausura.
A entrada para asistir aos pases das diferentes seccións custa 2 euros. Ademais, pódese adquirir un abono de 5 euros para asistir a todas as proxeccións, incluída a gala de clausura.
Por outra banda, as persoas interesadas en coñecer os atractivos turísticos do municipio de Poio poden visitar o museo da Casa de Colón ou o Bosque das Sequoias. O Concello programou visitas guiadas a estes espazos para os días 25 e 26 de novembro.