A gastronomía dos camiños xacobeos inspira o programa para potenciar os mercados tradicionais
A gastronomía das rutas xacobeas, interpretada en formato de tapa nos mercados tradicionais da provincia, é a proposta da nova edición do programa Degusta Europa, promovido pola Deputación de Pontevedra e que arrinca este mesmo mércores na praza de abastos do Progreso de Vigo, en horario de doce a unha do mediodía. Alí o alumnado do CIFP Manuel Antonio (Vigo) e Carlos Oroza (Pontevedra) prepararán en directo as tapas con produtos adquiridos esa mesma mañá no recinto.
O programa naceu o ano pasado como idea para conmemorar o Día de Europa e tivo unha excelente acollida, con máis de 10.000 tapas servidas e miles de visitantes no seis mercados nos que tivo lugar a iniciativa. Nesta nova edición a institución provincial enmarcou Degusta Europa na súa estratexia turística, xa que a gastronomía é un dos activos das Rías Baixas; e os mercados tradicionais, un polo de atracción para os visitantes.
O Mercado do Progreso en Vigo estrea a nova edición o mércores: os produtos serán adquiridos no recinto e cociñados alí mesmo
Un dos eixos da campaña turística de 2017 da Deputación e Turismo Rías Baixas está conformado polas rutas xacobeas que cruzan a provincia, e Degusta Europa renderalle homenaxe. Dun lado a iniciativa contribúe a reforzar a imaxe dos mercados e os produtos frescos das Rías Baixas; doutro recupera a gastronomía vinculada ás peregrinacións cunha nova lectura; e por último resalta a importancia da formación do alumnado.
Ademais das rutas xacobeas, a campaña céntrase este ano no enoturismo, con Cambados á cabeza ao ser declarada Cidade Europea do Viño 2017, e ademais apostarase por unha promoción especial dos Festivais Rías Baixas, que pasan a ser 8+1: Atlantic Fest, Cultura Quente, PortAmérica, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño, Revenidas, Vive Nigrán e Cambados Festival Cidade Europea do Viño
Calendario do programa
As quendas de "Degusta Europa" 2017 son os seguintes: o mércores 26 no Mercado do Progreso de Vigo (de 12 a 13 horas), o xoves 27 no Mercado de Tui (de 12 a 13 horas), o mércores 3 de maio no Mercado de Baiona (de 11 a 12 horas), o venres 5 no Mercado de Pontevedra (de 11 a 12 horas), o xoves 11 no Mercado do Grove (de 11 a 12 horas) e, por último, o xoves 12 no Mercado de Soutomaior (de 12 a 13 horas). As tapas dos mercados de Vigo, Tui e Baiona serán elaboradas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo e, as de Pontevedra, O Grove e Soutomaior, polo alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.