A localidade de Mos ponse exquisita cos cogomelos
A décimo cuarta edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais de Mos, organizadas polo Concello en colaboración coa hostalería, ofrece orixinais propostas gastronómicas que lles conceden aos cogomelos e aos produtos de tempada todo o protagonismo. As xornadas arrincaron o pasado 16 de outubro e terán o seu día grande o domingo 22, cunha degustación popular.
Ademáis, durante todo o mes de novembro, poderanse degustar nos restaurantes da localidade as seguintes especialidades: croquetas de cogomelos con castañas e empanada de trigo con cogomelos e castañas, no restaurante Adega da Tía Carmen; carne de caza maior estufada con cogomelos, no Bar Faquiña; cogomelos ao allo salteadas con gambas, cogomelos ao allo salteadas con bacon e torta de queixo con marmelada de cogomelos, en O Cruceiro; caldeirada de polbo con cogomelos, brownie de chocolate con cogomelos e noces e bica con crema de cogomelos, na Tapería A Cepa; pizza mar e monte de salmón afumado con variado de cogomelos e queixo García Ulloa, en A Favorita, e xabaril con cogomelos silvestres no Restaurante Tapra.
A degustación popular de cogomelos tera lugar o domingo 22 de outubro na contorna do pazo de Mos. Os postos abrirán de 12 a 15 h e complementaranse cun mercado de artesanía e animacións musicais. Xa pola tarde, ás 18 h, as máis pequenas e pequenos poderán gozar do espectáculo infantil Que chovan contos e cantigas, de Servando Barreiro e Anxo Moure. Durante toda a xornada, no interior do pazo de Mos, expoñerase unha mostra de cogomelos para a consulta e identificación de especies micolóxicas.
Charlas e conferencias
As 14.as Xornadas Micolóxicas e Forestais tamén inclúen charlas e conferencias sobre micoloxía e diferentes aspectos do monte comunal. Todas elas terán lugar do 16 ao 20 de outubro, no pazo de Mos, ás 20:30 horas. Ademais, para o 21 de outubro está prevista unha saída didáctica ao monte, para a recollida e identificación de cogomelos, guiada por dous monitores especializados. Para participar é necesario inscribirse no pazo de Mos os días das charlas.