Lagosta e un festival para o padal na Guarda
A Festa da Lagosta da Guarda servirá aos comensais o máis selecto da gastronomía galega, con 500 quilos do crustáceo mariño e ata vinte pratos. Un verdadeiro festival para o padal no que os comensais poderán degustar nécoras, percebes, gambas, vieiras, navallas e outros manxares con distintas preparacións. De sobremesa servirase o tradicional e famoso roscón de xema da localidade para coroar unha comida de reis.
A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, atrae cada ano a máis de 10.000 comensais chegados de toda Galicia e o norte de Portugal, ademais de a visitantes que se atopan de vacacións nesas datas nas Rías Baixas ou do outro lado do río Miño. Este ano celebrarase o 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo con numerosas actividades como complemento ao exquisito menú gastronómico.
Máis de 10.000 persoas chegadas de toda Galicia e o norte de Portugal acoden cada ano a esta cita gastronómica imprescindible
O venres día 30 lerán o pregón pola tarde Andrea Pousa e O Bruxo Queimán, que ofrecerán tamén un espectáculo musical. O sábado terá lugar a popular Travesía a nado, que camiña xa pola súa vixésimo segunda edición. E o domingo, día grande da festa, a artista portuguesa María do Ceo porá o broche musical cunha Noite de Fado. Durante o fin de semana, ademais, celebrarase a feira de artesanía na rúa do Porto.
A presentación desta XXVII Festa da Lagosta realizouse este ano en Cambados, berce do albariño e declarada Cidade Europea do Viño 2017. O viño por excelencia das Rías Baixas ofrece a maridaxe perfecta para os suculentos pratos que se servirán na Guarda.