Marín recrea a batalla de Aguete contra os ingleses
A recreación da batalla de Aguete, que enfrontou aos buques da Armada británica contra a frota galega dos Gago de Mendoza, é unha das principais novidades da Festa Corsaria de Marín, que presenta na súa sexta edición a súa programación máis ambiciosa ata a data.
A representación da batalla terá lugar na noite do sábado 19 de agosto, na Praza de España. Alí estará situada a goleta dos Gago Mendoza, que se enfrontará aos ingleses ata derrotalos e expulsalos da ría.
A Festa Corsaria presenta este ano a súa programación máis ambiciosa
Ademais, este ano a festa ten como eixo temático os oficios que se practicaban en Marín no século XVIII. No parque Eguren daranse cita ferreiros, carpinteiros de ribeira, ceramistas, redeiros e outros artesáns, que realizarán demostracións nas que se poderá aprender como se afía unha espada ou como se destila augardente á maneira da época.
A programación tamén inclúe os concertos dos grupos Virandeira e Pelepau, así como unha exposición de paxaros exóticos, obradoiros de esgrima e tiro con arco, espectáculos circenses, contacontos e pasacalles. Ademais, durante todo o fin de semana, estará instalada na alameda Rosalía de Castro a Feira Artesanal.
Programación completa: http://concellodemarin.es/festa-corsaria-2017