Mariscadoras de Rías Baixas exploran o potencial do turismo mariñeiro
Moitos dos viaxeiros e viaxeiras que visitan Rías Baixas mostran interese en coñecer a forma en que se colleita o marisco. Ver mariscar ás mulleres durante a baixamar é todo un espectáculo e adoita espertar a curiosidade dos e das visitantes, que senten ganas de aproximarse á praia e contemplar in situ como traballan as mariscadoras. Realizar este achegamento dunha forma respectuosa e proveitosa para ambas as partes é posible grazas ás iniciativas de turismo mariñeiro que puxeron en marcha algúns colectivos de mulleres da ría de Arousa e que están a servir de inspiración para o resto de confrarías.
As pioneiras en organizar rutas aos bancos marisqueiros foron as mulleres do colectivo Guimatur de Cambados. A asociación constituíuse en 2004 para divulgar a cultura mariñeira e actualmente organiza dúas rutas, a do porto e a do marisqueo. O itinerario polo porto inclúe a visita a unha poxa na lonxa, a explicación de diferentes tipos de embarcacións e artes de pesca e o coñecemento do oficio das "redeiras". Pola súa banda, a ruta do marisqueo consiste en coñecer a pé de praia todo o proceso desde a extracción ata a comercialización do marisco. Tamén inclúe unha visita ao barrio mariñeiro de San Tomé e unha explicación sobre a arquitectura popular.
Sen movernos da ría de Arousa, outro grupo de mariscadoras constituíu o pasado verán en Vilagarcía de Arousa a asociación AmarCarril para promocionar a súa actividade profesional entre turistas e visitantes. O colectivo organiza visitas aos parques de cultivo para dar a coñecer como se cultivan as famosas ameixas de Carril. Desta maneira, os e as participantes poden soster nas súas mans un auténtico "raño" e probalo e aprender a distinguir as distintas especies de ameixas.
Estas dúas experiencias de turismo mariñeiro, entre outras, están a servir de inspiración para o proxecto Candieira, a rede de apoio e promoción das mulleres do mar impulsadas por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. O proxecto inclúe entre as súas accións un programa denominado "Embarca", destinado a fomentar o emprendemento de actividades de turismo mariñeiro como as que acabamos de mencionar.
No marco do programa "Embarca", no mes de novembro tiveron lugar reunións en diversos puntos da costa galega, entre eles, nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, para explorar o potencial dos bancos marisqueiros como atractivo turístico. Os e as técnicas do proxecto Embarca ofreceron ás mulleres participantes asesoramento cunha metodoloxía baseada na aprendizaxe a partir da experiencia e no feito de compartir esa experiencia coa comunidade. O obxectivo é que destes encontros poidan saír ideas emprendedoras relacionadas co turismo e o mar.
O chamado turismo mariñeiro abarca unha gran diversidade de experiencias, tales como a visita a bancos marisqueiros, museos marítimos, mercados, lonxas e conserveiras, ademais da organización de rutas polos faros, paseos en barco e degustacións gastronómicas. Na web de Candieira pódense consultar diversas experiencias inspiradoras neste campo.