Pontevedra afronta o outono con moito teatro
A finais de setembro arrinca no Pazo da Cultura o ciclo Summun Teatro, que traerá a Pontevedra grandes figuras da escena teatral española. A programación iníciase o día 29 coa obra La velocidad del otoño, protagonizada por Lola Herrera e Juan Artero, e péchase o 3 de novembro coa comedia El test unha montaxe con Luis Merlo e Antonio Molero. Ademais, tamén se representarán as obras Lo mejor de Yllana, un repaso aos mellores gags da compañía; Menú da noite, con Carlos Blanco e Luís Davila; e o espectáculo de danza e tecnoloxía Nagare, do Circle of Trust-Logela Multimedia. Consulta aquí a programación completa(pdf).
Por outra banda, o 5 de outubro comeza no Teatro Principal a primeira das oito representacións que ofrece Ponteatro, un repaso o mellor da escena teatral galega. A programación está distribuída en seis xoves de teatro e dous venres golfos. A obra de Butaca Zero, Voaxa e Carmín, que conta a vida das Marías de Compostela, inicia o ciclo, que se completa coas funcións A cabeza do dragón, de Excéntricas; Elisa e Marcela, da Panadaría; A noiva de Don Quixote, de Eme2; Resaca, de Ilmaquinario Teatro, e A canción do elefante, de Redrum , que pechará o evento o 14 de decembro. Para os venres golfos están programadas as obras Desconexión, de Xurxo Cortázar; e Calypso, de Voadora. Pódese adquirir un abono para asistir a todas as funcións. Programa completo.
Finalmente, dentro do ciclo Monólogos e Maxia programáronse catro espectáculos. O primeiro deles, o 30 de setembro, é Noites de retranca, con Luís Zahera e Manuel Manquiña. Seguiranlle o espectáculo de maxia de Toni Bright, o 8 de outubro; Contos na Lareira, con Celso Sanmartín, Quico Cadaval e Paula Carballeira, o 10 de novembro; e o espectáculo de Moncho Borrajo, o 25 de novembro.