Un paseo polos municipios da D. O. Rías Baixas
Falar de enoloxía en Pontevedra é falar da Denominación de Orixe Rías Baixas , primeiro coa aprobación da Denominación Específica Albariño en 1980 e posteriormente en 1988 coa aprobación da denominación coa que actualmente a coñecemos.
As tres primeiras subzonas que formaban parte da recentemente nada denominación eran as do Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal.
Val do Salnés
Val do Salnés é unha das subrexións máis produtivas na elaboración do popular viño Albariño, coincidindo ser a zona que máis viñedos posúe e a que goza dunha tradición máis consolidada. Os datos falan por si sos. Dos case 40 millóns de quilos de uva colleitados na tempada 2017, 25 deles pertencían a esta subrexión.
Non só se trata da zona de maior produción, senón que ademais goza de atoparse entre os destinos preferidos das e os turistas que se achegan anualmente á provincia. Falamos dun espazo natural con fermosas praias e da que forman parte municipios como O Grove coa súa Illa da Toxa, Sanxenxo e as súas praias, Cambados que foi Cidade Europea do Viño 2017 ou Vilagarcía de Arousa con festas de interese turístico como a Festa da auga.
Unha contorna que ademais dunha bela costa ofrece diferentes actividades, desde recoñecidos balnearios ata un patrimonio cultural destacable como o mosteiro da Armenteira en Meis. Completan a subzona os municipios de Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Barro e Portas.
Condado do Tea
A segunda en produción é o Condado do Tea, con ao redor de 8 millóns de quilos de uvas colleitados en 2017. A rexión localízase na ribeira do río Miño e forman parte da mesma os municipios de Salvaterra do Miño, As Neves , Arbo, Crecente, Salceda de Caselas , Ponteareas e A Cañiza.
Se Cambados posúe a Festa do Albariño, Salvaterra de Miño ten a súa propia Festa do Condado do Tea con máis de cincuenta edicións, e a que recentemente sumou a Festa do Viño Espumoso.
Realizar unha ruta polo Condado do Tea permítenos facer un percorrido á beira do maior río de Galicia ou coñecer as súas praias fluviais. Outra opción é achegarse a Portugal ou pasear pola fortaleza de Salvaterra ou o santuario da Franqueira.
O Rosal
Seguindo o ronsel do Miño río abaixo chegamos á subrexión do Rosal. Nela podemos pasear diferentes municipios como O Rosal, que tamén celebra a súa propia Feira do Viño. Tui, Tomiño e A Guarda completan os concellos desta zona con espazos belos como o centro histórico e xudeu de Tui, a súa catedral, o Parque Natural do Monte Aloia ou máis abaixo o estuario do Miño xunto ao monte Santa Trega e o seu complexo arqueolóxico.
Ambas as subrexións, Condado do Tea e O Rosal, forman un paseo destacable pola fronteira con Portugal polo río Miño
Soutomaior
Localízase ao final da ría de Pontevedra, principalmente na área do municipio de Soutomaior e incorporouse á Denominación de Orixe a partir de outubro de 1996. Achegarse ata esta zona é descubrir a enseada de San Simón, os montes da ría ou o moi coñecido castelo de Soutomaior.
Ademais, conta coa proximidade dunha gran cidade á beira como Vigo e as praias do Morrazo. Comarca, a do Morrazo, que pola súa banda recibiu recentemente o certificado Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ribeiras do Morrazo.
Ribeira do Ulla
Comparte áreas entre as provincias da Coruña e Pontevedra, como Vedra, Padrón, Teo, Boqueixón e Touro na primeira e A Estrada, Silleda e Vila de Cruces na segunda. Unha rexión que se sumou ás catro anteriores a partir do ano 2000 e que en Pontevedra achéganos a espazos como o pazo de Oca na Estrada, ademais de poder gozar doutras contornas naturais do interior de Rías Baixas que nos ofrecen os concellos de Silleda e Vila de Cruces.