Un verán de jazz en Cangas
O Festival Internacional de Jazz de Cangas, tamén coñecido como CanJazz, cumpre 20 anos convertido nun evento de referencia no seu sector, non só no Morrazo senón a nivel de Galicia. Este ano a programación inclúe 13 concertos, que se completarán con 4 Jam Sessions, 3 master classes, unha mesa redonda e un taller infantil, que terán lugar entre os días 20 e 23 de agosto.
Canto aos concertos, o domingo 20 actúan Felipe Villar Organ Trío, Daniel Juárez Quintet, e Tres Tristesen Trio. O luns 21 é a quenda de Alejandro Vargas Trío, Laïka Quartet e Dani Font's Chair Music. O martes actúan Canjazz Generation, Paco Charlín e Diego Alonso Trío; e o mércores, Leonor Arnaut Quartet, Mónica de Nut , Ricardo Toscano Quartet e Sunil López Trío.
Ao final dos concertos, ás doce da noite, celebrarase cada día unha jam session con diferentes músicos, na Cafetería Plantacións.
As actividades formativas do festival buscan atraer a novos públicos
As actividades paralelas están orientadas á creación de novos públicos. É o caso das master classes que se realizarán polas mañás no auditorio municipal e o taller infantil de improvisación, dirixido a nenas e nenos entre 6 e 12 anos.
As master classes terán lugar de 11 a 13 horas e correrán a cargo de Christopher Thomas e Laïka Fatien, o luns; de Pablo Gutiérrez, o martes; e de Joao Mortágua, o mércores. Cada sesión ten un prezo de inscrición de 10 euros, ou de 25 euros para o tres días. O taller infantil tamén se realizará no auditorio en horario de 11 a 13 horas, entre os días 21 e 23. Neste caso, a inscrición custa 20 euros e pódese formalizar a través de jazzcangas@gmail.com.
Finalmente, o Canjazz tamén inclúe unha mesa redonda sobre muller e jazz, que terá lugar o mércores 23, ás 20 horas na capela do Hospital.
Máis información
- Concertos (pdf)
- Master classes (pdf)
- Obradoiro (pdf)