Vigo vive outro mes grande de cruceiros en xuño e recibe ao MSC Meraviglia, un dos cruceiros máis punteiros do mundo
O porto de Vigo recibe este mes a un dos novos grandes colosos do mar, o flamante buque de última xeración MSC Meraviglia, dotado con tecnoloxía punteira dirixida especialmente ao entretemento das súas pasaxeiras e pasaxeiros. A nova xoia da coroa da navieira MSC visita a cidade na súa viaxe inaugural procedente do porto francés de Le Havre con destino a Lisboa.
Cunha eslora de 316 metros e capacidade para 5.714 persoas pasaxeiras, atendidas por 1.540 tripulantes, o MSC Meraviglia é un xigante do mar intelixente coas atraccións máis innovadoras, a maior piscina construída en alta mar –que ofrece un espectáculo visual e de luz nocturnos–, simuladores de Fórmula 1 e voo e sala de cinema en 5D.
O buque chegará a porto o 6 de xuño e non estará só, xa que ese día se producirá unha tripla escala. Coincidirá na terminal de cruceiros có Star Pride, con capacidade para 212 persoas pasaxeiras; e o exclusivo megaiate Variety Voyager, no que poden viaxar 72 persoas.
Xuño será, despois dos 14 cruceiros de maio, o segundo dos meses estrela de chegada de cruceiros a Vigo esta tempada con once escalas de barcos. Teñen capacidade para mover, sumados todos eles, máis de 17.000 persoas pasaxeiras. O Oriana, un clásico do porto olívico, estreará o calendario mensual o vindeiro domingo, e un día despois será a quenda do luxoso veleiro Star Pride. Despois da tripla escala do día 6 chegará a quenda do flamante
TUI Discovery 2, que xa fixo parada en Vigo en maio e ten fixada outra escala para o 20 de xuño e catro máis esta tempada.
A chamada Ponte do Himalaia atravesa o barco de última xeración e permite ás viaxeiras e viaxeiros cruzalo a 82 metros de altura
O Azura, o 14 de xuño; o exclusivo veleiro de cinco mastros Wind Surf, o día 18 de xuño; e o Braemar e o Independence of the Seas, este último un xigante de 339 metros de eslora e outro dos clásicos de Vigo, atracarán no peirao de transatlánticos o luns 19 de xuño, única xornada do mes con dobre escala tras a tripla do día 6 de xuño. Tras unha nova escala do citado
TUI Discovery 2, despedirá o programa de cruceiros de xuño un día despois, o 21, o Aegean Odyssey.
Parque acuático e boleira con impresionantes vistas ao mar
O MSC Meraviglia está dotado coa última tecnoloxía ao servizo das persoas pasaxeiras.
O punteiro buque conta con dezanove cubertas, catro piscinas, vinte bares e salóns, un parque acuático de catro tobogáns, dous simuladores de Fórmula 1 e un de voo, sala de cinema en 5D, e a Ponte do Himalaia, que atravesa o buque e permite ás pasaxeiras e pasaxeiros cruzar o buque a 82 metros sobre o nivel do mar. Ademais, as e os cruceristas poden gozar de espectáculos a cargo da prestixiosa compañía artística Cirque du Soleil, ou xogar nunha boleira de cristal con impresionantes vistas ao mar.