Atlántico Express
Buscador

Publicador de contidos Publicador de contidos

A viaxe do Atlántico Express 3.0

Os influencers a bordo do tren promoveron os 8+1 eventos e a provincia con posts que sumaron decenas de miles de "gústame"

O Atlántico Express levaba a bordo entre os seus 200 pasaxeiros un nutrido continxente de bloggers  e instagrammers de Galicia, Portugal, Asturias, Madrid e Barcelona que multiplicaron a difusión do percorrido. As súas imaxes e comentarios obtiveron un aluvión de likes nas redes sociais, e a súa repercusión ampliouse á xornada seguinte, xa que un grupo de influencers,  con decenas de miles de seguidores, visitou distintos escenarios dos 8+1 festivais nunha xornada guiada por Turismo Rías Baixas e colgou evocadoras fotografías nas súas contas, que tiveron unha grande acollida entre os seus seguidores.

Instagramers Atlántico Express
Instagramers Atlántico Express

Os instagrammers que realizaron o percorrido do Atlántico Express e se fixeron eco da viaxe nas redes contan con case medio millón de seguidoras e seguidores, cunha media de 10.000 likes, e no grupo había representantes de importantes colectivos coma #igersspain#igerspontevedra e #igersvigo.

A ruta polas Rías Baixas ao regreso do convoi a Vigo deixou fermosas fotografías en Instagram dos escenarios de varios festivais. O grupo partiu da cidade olívica –que acolle O Marisquiño os días 11, 12 e 13 de agosto– e visitou A Illa de Arousa –onde se celebra o 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo o primeiro dos #RíasBaixasFests–, tomando imaxes das paradisíacas praias da illa, con 36 quilómetros de costa, así como doutros lugares de interese.

Cambados foi outra das escalas dos influencers. A localidade loce este ano o galardón de Cidade Europea do Viño e o 9 de setembro acolle o último dos festivais do verán. O grupo paseou polo seu fermoso conxunto histórico, coa praza de Fefiñáns como punto neurálxico, e visitou o pazo do Torrado e a torre de San Sadurniño, entre outros atractivos da localidade.

Impresionantes paisaxes

A excursión tamén abarcou Caldas de Reis, onde se celebran Cultura Quente (7 e 8 de xullo) e PortAmérica (13, 14 e 15 do mesmo mes). A carballeira, escenario dos concertos, foi un dos lugares máis retratados, ao igual que a fermosa fervenza de Segade. O grupo pechou a xornada en Cabo Udra (Bueu, sede de SonRías Baixas o 3, 4 e 5 de agosto); deixou constancia diso nas súas contas con imaxes das impresionantes vistas e do espazo natural, que está distinguido como Sendeiro Azul e forma parte da Rede Natura 2000.

A ruta do Atlántico Express tamén difundiu  Sinsal Son Estrella Galicia (San Simón, o 21, 22 e 23 de xullo), Revenidas (18, 19 e 20 de agosto) e Vive Nigrán (25 e 26 de agosto), transportando os #RíasBaixasFests pola vía do tren entre Vigo e O Porto e polas redes sociais e os medios de comunicación.