Cruzando camiños
Buscador
22,3 km

O Padre Sarmiento foi o creador desta variante do Camiño Portugués a través da comarca do Salnés. O monxe dominico regresou de Madrid para peregrinar a Santiago en 1745 e documentou o seu itinerario de 190 quilómetros na obra Viaje a Galicia. O fermoso traxecto que segue a costa entre as rías de Pontevedra e Arousa, bautizado co seu nome, empeza na ponte do Burgo e continúa por Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures. Desde alí conflúe co Camiño luso ata chegar á catedral de Santiago.

Pontevedra
Mos

Seguindo o ronsel do monxe dominico, as e os peregrinos pasan polo mosteiro de San Xoán  de Poio, que, ademais de ser unha xoia do patrimonio das Rías Baixas, conta co hórreo máis grande de Galicia. Antes de chegar á encantadora vila de Combarro, que atrae turistas de todo o mundo, cabe a opción de desviarse á praia de Cabeceira, con bandeira azul.

A aldea de Combarro está excelentemente conservada e nela sobresaen as súas casas mariñeiras, cruceiros e hórreos xunto ao mar. Ademais, esta localidade conta cunha atractiva oferta hostaleira e con tendas de recordos. Paga a pena pasear entre as súas casas de pedra e repoñer forzas nalgunha das súas terrazas.

Sanxenxo
Sanxenxo

O percorrido do Padre Sarmiento continúa por Chancelas, Punta Samieira, Raxó e Xiorto, outro areal de bandeira azul. O miradoiro da Granxa ofrece excelentes vistas á ría. Descubrimos tamén a praia de Areas, antes de atravesar o centro urbano de Sanxenxo para gozar do seu paseo marítimo. Aos seus pés esténdese a praia de Silgar, tamén con distintivo azul.

Sanxenxo é un enclave turístico de primeiro nivel en Galicia que transcende fronteiras. Estamos ante o municipio de España con máis bandeiras azuis, ata once este ano: A Lanzada-O Espiñeiro, Canelas, Montalvo, Silgar, Bascuas, Maxor, Foxos, Areas Gordas-A Lapa, Pragueira, Baltar e Paxariñas. O baño nelas é imprescindible á hora de facer o Camiño.