Cruzando camiños
Buscador
17 km

Abandonamos A Illa de Arousa cruzando a ponte e dirixímonos pola costa cara a Vilanova de Arousa. O Camiño, ata practicamente Punta Ariño, transcorre xunto á praia do Terrón. Vilanova de Arousa é o municipio natal do escritor Ramón María del Valle-Inclán, e a súa casa museo, un dos lugares que convén visitar.

Vilanova
Vilanova - Praia do Terrón

Á saída do centro urbano volvemos camiñar por unha zona de praias, neste caso por As Sinas. Continuamos pola costa rumbo a Vilagarcía de Arousa, parando en Vilaxoán, tamén con porto pesqueiro e exquisita gastronomía e que acolle no verán o Festival Revenidas –chamado así polo nome que reciben alí as sardiñas asadas–, un dos grandes eventos do circuíto de Festivais Rías Baixas.

En Vilagarcía de Arousa é recomendable unha visita ao pazo de Vista Alegre e ao seu convento, declarados Monumento Histórico-Artístico Nacional. Hai moito que ver na capital do Salnés, porto natural de Santiago de Compostela, e é posible facelo a través da Ruta dos Viños ou a dos Pazos. Entre estes últimos destaca tamén o de Rubianes, único Señorío de Galicia, que se atopa excelentemente conservado. Os seus xardíns están cualificados, ademais, como de Excelencia Internacional, e o pazo conta cunha extensa superficie de viñedos.

Pazo de Vistalegre
Panoramíca Isla de Cortegada

O Carril é outra parada imprescindible; de alí procede a famosa ameixa que leva o nome desta parroquia. En fronte podemos observar a illa de Cortegada, que pertence ao Parque Nacional e presume de albergar un dos bosques de loureiro máis importantes de Europa.