Cabecera experiencia

Namórate máis nas Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur Icono Interior Norte Interior Norte Icono Interior Sur Interior Sur
En Rías Baixas podes gozar de moitas tipoloxías de turismo, pero non podemos esquecer o romanticismo que posúen algúns dos seus enclaves turísticos. O clima benigno favorece as excursións, os plans conxuntos e os paseos nos que quererías parar o tempo.

Unha combinación imperecedoira é a de natureza, historia e arquitectura. Á fervenza do río Toxa (municipio de Silleda) chégase tras atravesar un bosque de carballos, castiñeiros e sobreiras, cubertos de musgo e liques, así como as rocas graníticas que os acompañan. Guiándose na estrada por montañas de grava negra e buscando os carteis de madeira que indican o desvío que debes tomar para, unha vez iniciada a ruta a pé, deixarte guiar polo rumor da auga, ata chegar á magnífica paisaxe da fervenza. Fauna e flora autóctona ocupan todo o espazo que abarque a túa vista: troitas, merlos, lagartos, acivros, carballos,…

Tras uns seis quilómetros seguindo os ríos Toxa e Deza chegaredes ao mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Cruzaredes unha ponte colgante, subido a unha ermida e veredes unha praia fluvial. A calzada romana na que se transforma o carreiro dá a benvida ao mosteiro. Alí poderedes gozar ante unha das mellores representacións do estilo románico en Galicia.

Moi preto de alí, no municipio da Estrada, atópase o enclave romántico por excelencia en Rías Baixas, o Pazo de Oca e os seus xardíns, coñecidos como "o Versalles galego". Quizais o máis señorial e mellor conservado de todos os pazos galegos, foi declarado Monumento histórico-artístico en 1983 e ben de interese cultural (BIC) do patrimonio español. A súa orixe remóntase ao século XVIII e destaca tanto pola súa arquitectura, con todos os elementos dun pazo galego, como polo coidado deseño botánico que o rodea.

O estilo barroco do século XVIII e a ampliación do xardín a mans de François Viet, no século XIX, fan desta unha experiencia eminentemente sensorial: os estímulos olfativos e visuais espertarán cos rododendros, as azaleas e as inefables camelias. Mediante o oído percibirán que durante practicamente toda a visita vos acompañará o son da auga, e é que son fontes, arroios e estanques os que atraerán os nosos pasos.

Tamén coñecido polos seus xardíns, un lugar cunha historia vinculada ás batallas medievais e aos antigos señoríos é o castelo de Soutomaior. Situado nun promontorio a 119 metros sobre o nivel do mar, as vistas abarcan o val do Verdugo e a desembocadura na enseada de San Simón. Finalizada a súa función defensiva pasou a ser un lugar de produción agrícola-gandeira para a nobreza instalada no campo.

Tras pertencer a algúns marquesados, o conxunto arquitectónico pasou a mans da Deputación de Pontevedra, cuxa rehabilitación permitiu que as persoas visitantes poidan coñecer o interior e darlle un novo aspecto e aproveitamento aos seus xardíns. Pero a auténtica transformación comezou no século XIX; nesas datas os seus donos iniciaron o deseño duns xardíns que un século despois recibirían a categoría de Xardín de Excelencia Internacional por parte da Sociedade Internacional da Camelia. E é por esta flor que os meses ideais para visitalo son os invernais, pois é cando se atoparán no seu máximo esplendor. Ademais deste tipo de árbore, que constitúe en por si unha ornamentación idónea para un xardín, poderedes adentrarvos nos camiños que vos levarán a coñecer as 175 especies diferentes. Fontes e estanques, esculturas e hórreos, serán as testemuñas dun paseo inesquecible.

O lago de Castiñeiras, a 550 metros de altitude, garante momentos de quietude contemplando as magníficas vistas sobre a ría de Vigo, e outros máis animados, como toda visita a un parque natural que se prece. Unha zona recreativa, carreiros que se poden percorrer en bicicleta ou dacabalo dan a esta área un atractivo perfecto para visitalo en parella.

A contorna de Cotorredondo, onde se sitúa o lago, e que comprende tres municipios, os de Marín, Moaña e Vilaboa, conta con especies autóctonas que conviven con árbores de diversas procedencias ademais de con bosques de ribeira. Poderedes atoparvos por sorpresa con mandas de cabalos que pastan libres así como visitar os seus dous observatorios de aves. Atopar un sitio onde gozar do voso pícnic non suporá ningún problema pois o parque e a disposición das mesas é bastante ampla, ademais de dispor de tres cafeterías onde descansar se decidistes percorrer o parque enteiro.

No lago de Castiñeiras, por ser unha paraxe protexida, está completamente prohibido bañarse polo que, se vos quedastes con ganas dun baño á tardiña, o ideal é achegarse á praia da Lanzada e gozar dos seus máis de dous quilómetros de area, mentres imaxinades como será viaxar a outros lugares do mundo onde atopar praias igual de fermosas como as que podedes gozar en Rías Baixas. Próxima á localidade de San Vicente do Mar, é un plan ideal no verán quedar ata a posta de sol e despois achegarse ata alí ou a algunha das localidades próximas nas que gozar da súa programación musical e de lecer.

Coidar os sentidos é unha boa idea en calquera situación, pero cando se comparte en parella sempre resulta o dobre de pracenteiro. Por iso lugares especiais como o balneario de Mondariz, onde poderedes poñervos ao dispor de profesionais que vos traten cos métodos máis modernos e con termas onde relaxarvos da maneira máis tradicional, será a antesala perfecta a unha (ou varias) xornadas dedicadas enteiramente ao voso gozo, tendo ao redor unha paisaxe doutra época, na que desconectar do resto do mundo non suporá ningunha dificultade.

Gozar con...
Parella
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos