A Estrada coroa o rei do río

Buscador

O salmón reina no río Ulla ao seu paso pola Estrada, onde hai só unhas décadas se contaba por centenares. Na localidade pontevedresa organízase desde hai máis de 40 anos esta festa gastronómica dedicada ao monarca fluvial, un evento convertido en símbolo do importante vínculo deste peixe co concello e declarado de interese turístico galego nos últimos tempos.

Ademais de ser un manxar, o salmón ofrece outros atractivos para o turismo nas Rías Baixas. Moito antes de que teña lugar a cita na que se elaboran as distintas receitas, as e os pescadores chegan á Estrada, procedentes de moi distintos puntos de Galicia e tamén do territorio nacional. Veñen atraídos, sobre todo, polo gran poder de convocatoria do Concurso Internacional de Pesca que organiza a Sociedade Deportiva Río Ulla.

Tiran a súa cana e proban sorte desde o primeiro día de maio, xornada na que todas as miradas están postas no campanu. Ese primeiro exemplar capturado nas augas do Ulla será o que inaugure a tempada. Máis madrugador uns anos e máis tardío noutros, todos os focos se pousan nel.

Xunto á pesca, os cotos estradenses —os tradicionais do Xirimbao (Couso), Sinde e Ximonde, pero tamén os máis recentes como Santeles ou Pontevea— son algo máis que espazos nos que tentar o peixe prateado. Durante todo o ano e especialmente coa chegada das boas temperaturas convértense en zonas propicias para o descanso, o turismo sustentable e as actividades ao aire libre. Incluídos entre os principais atractivos do municipio, estes puntos convértense en todo un alivio nas xornadas de calor.

Na Festa do Salmón os restaurantes e panaderías locais ofrecen os bocados máis variados e organízase unha degustación popular que cada ano atrae máis xente. Á prancha, en papillote, en empanada, en pizza ou ao forno son algunhas das receitas que poden saborearse xunto con novas propostas coas que sorprenden os hostaleiros locais e que explican que nos últimos anos resulte imposible atopar un oco libre á mesa.

No seu día grande a Festa do Salmón comeza coa lectura do pregón e a entrega das insignias de ouro a personalidades destacadas. Un programa de lecer para toda a familia dá paso á propia degustación, que adoita iniciarse ao redor das 12:00 horas e para a que é necesario adquirir entradas. Desde o mediodía a celebración trasládase aos restaurantes nunha xornada na que grupos de amigos e familias aproveitan para compartir mesa e mantel. Este ano terá lugar o 21 de maio.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Interior Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos