Arcade réndelle culto á perla dos mariscos

Buscador
O fondo da ría de Vigo é o lugar por excelencia para o cultivo da ostra. Arcade, no concello de Soutomaior, réndelle homenaxe a este saboroso molusco na primeira fin de semana de abril. Máis de 30.000 persoas dan conta de 100.000 unidades do prezado produto no evento, declarado en 2002 Festa de Interese Turístico de Galicia

A Festa da Ostra de Arcade constitúe unha cita imprescindible no calendario gastronómico de Galicia. Esta parroquia do concello de Soutomaior dálle a benvida a unha marea de visitantes na primeira fin de semana de abril para degustar o exquisito bivalvo. Entre o sábado e o domingo, as casetas da carpa disposta para o evento no peirao de Arcade reciben 30.000 persoas, e a estas e estes comensais súmase quen proba a deliciosa ostra nos restaurantes da vila, onde é a raíña da mesa. Nesta festa –que xa vai pola súa trixésimo primeira edición– o manxar sérvese ao natural (cunhas pingas de limón), en escabeche e en empanada, ben regado con bos viños brancos galegos, especialmente das Rías Baixas. Música e actividades culturais, entre outras, complementan o programa do multitudinario evento.

A ostra de Arcade, da especie Ostrea edulis, traspasa fronteiras. A zona ten as condicións ideais para a cría, singularmente pola confluencia das augas doces procedentes do río Verdugo coas salgadas da ría. Ese encontro dá lugar a un produto zumento e de sabor suave que ademais é moi nutritivo pola súa riqueza en sales minerais e vitaminas. E, por se fose pouco, a sabedoría popular atribúelle propiedades afrodisíacas.

A celebración naceu en 1987 a iniciativa do sector ostrícola de Arcade, pioneiro na comercialización e exportación do molusco. Abril é o mellor mes para a degustación da chamada trufa do mar ou perla dos mariscos, de aí que se elixise para a súa exaltación. O seu tamaño comercial, de entre 6 e 7 centímetros, conséguese en menos de 24 meses, mentres que noutros países europeos con tradición de cultivo pasan máis de catro anos ata acadalo.

Manxar de reis

A cría e o consumo da ostra atesouran unha longa tradición na ría de Vigo. Existe constancia de que a poboación castrexa colleitaba o bivalvo, e o seu cultivo remóntase á época dos romanos. As dinastías dos Austrias e dos Borbóns apreciaban a calidade deste manxar, que era transportado á corte do reino en escabeche dentro de pequenos barrís de madeira e que, xa no século XIX, se comercializaba en Europa.

O exquisito marisco conta no centro histórico de Vigo cun lugar de culto, a rúa da Pescadería, coñecida popularmente como rúa das ostras e, desde hai décadas, un dos atractivos turísticos da cidade olívica. As ostreiras manexan con pericia o coitelo para abrir o molusco e servilo ao natural para a súa degustación inmediata.

A ostra representa un clásico da gastronomía galega e vai ligada de forma indisoluble a Arcade, capital deste marisco eloxiado por Álvaro Cunqueiro, que escribiu: "Ten un sabor especial, que é coma unha saudade do mar". Unha forma inmellorable de gozar del é acudir sen falta á festa.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos