Cabecera experiencia

Arte urbana en Vigo: a ruta dos murais

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
Vinte e nove grandes "frescos" adornan medianeiras de edificios e outros espazos públicos por todo Vigo. A cidade olívica segue o ronsel de grandes urbes coma Lisboa, Lión ou Barcelona, cunha longa tradición de arte urbana na rúa, e exhibe xa o seu propio museo ao aire libre.

Todo empezou na rúa do Príncipe, milla de ouro comercial de Vigo. Alí plasmou o Concello en 2014 a primeira iniciativa para decorar medianeiras de edificios con grandes murais, mellorando a estética urbana e promovendo ao mesmo tempo as expresións artísticas en gran formato. O artista vasco Luis Olaso encargouse de reproducir Fiestra, un óleo de Urbano Lugrís, con un tamaño de 14 × 18 metros coa técnica do graffiti.

Poucos meses despois arrincaría a primeira das dúas convocatorias levadas a cabo ata agora do programa municipal de arte en medianeiras e espazos públicos. A ruta, ademais de ter unha grande acollida en Vigo, está chamada a ser un atractivo turístico e xa se atopa en marcha a terceira fase, que engadirá outros quince "frescos" á colección.

Centro, barrios periurbanos, rural… Os murais están repartidos por diferentes recunchos de Vigo, de Teis a Bouzas e do Areal a Lavadores. A lista de artistas que se seleccionaron é moi ampla, e as técnicas utilizadas para crear os murais, diversas, do mesmo xeito que as temáticas: desde o mar ata Xulio Verne, pasando por escenas históricas, as mulleres ou a poesía, entre moitas outras. "A forma máis común de creatividade é facer que o ordinario sexa especial", reza o colorista mural que a artista Iria Blanco deseñou e reproduciu no populoso barrio de Navia.

Nelson Villalobos, Pelucas, Liqen, Peri, Berta Cáccamo, Ash Santos, Anthony e outros nomes, ata completar unha lista de máis de 25 recoñecidos artistas, plasmaron as súas creacións nas rúas de Vigo. Fronte á estación ferroviaria de Guixar eríxese o Coloso atlántico de Darío Basso; nas escaleiras da pinacoteca Francisco Fernández del Riego imprimiu o seu selo Xavier Magalhães; un pouco máis arriba, na rúa Blein Budiño, foi Villalobos o que sorprendeu con La caracola; en Gregorio Espino con Urzaiz impresiona o "fresco" de Alejandro Fernández; e, na avenida da Hispanidade, o de Liqen. Ademais de comunidades de veciños, tamén se implicaron colexios na iniciativa, coma o Illas Cíes de Coia, que exhibe un espectacular "lenzo" de Peri en dúas das súas medianeiras.

O Concello editou unha guía titulada Vigo, a cidade de cor para dar a coñecer a ruta da arte urbana, que quere promocionar como atractivo turístico. Ademais de información sobre as e os artistas, as súas obras e un mapa coa localización destas últimas, a guía inclúe datos sobre as liñas e paradas de autobús máis próximas co fin de facilitar a visita. Está dispoñible nas dependencias de Turismo e pode obterse na páxina web municipal (http://www.turismodevigo.org/), no apartado de "Guías, mapas e publicacións".

Arte en prazas públicas

Ao programa engádense outras iniciativas artísticas promovidas pola Administración municipal en espazos públicos. No cruzamento de Peniche, onde antes había varias casas en estado ruinoso, loce agora un belo mural de Antón Pulido con 9 metros de alto por 14,5 de ancho. A colorista obra rodea unha pequena praza que as veciñas e veciños fixeron xa súa.

Noutra zona de Vigo, a avenida de Martínez Garrido, creouse outra praza na que a arte ten un papel predominante. Alí Nelson Villalobos instalou a maior escultura mural da cidade, de 56 metros de longo e 3 de alto, en homenaxe ao alcalde que lle dá nome á rúa e a outras persoas represaliadas durante a guerra civil.

A falecida poeta María do Carme Kruckenberg protagoniza outro dos murais, este nas escaleiras de Roupeiro, ao lado da céntrica rúa Rosalía de Castro. Un belo texto da súa autoría ilustra a imaxe da artista: "eu aínda creo que hai homes capaces de arrincar a derradeira semente do amor e tremar por ela", reza. O "fresco" é obra de Proyecto Ewa. Pola súa banda, o pintor José Miguel Sagüillo decorou as escaleiras que unen Torrecedeira e Pi i Margall con dous murais de temática mariñeira.

Vigo conta con interesantes museos coma o MARCO, a pinacoteca, o Museo do Mar de Galicia… pero simplemente paseando pola rúa a arte pode atoparse ao virar a esquina.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos