Cabecera experiencia

Baiona viaxa no tempo para conmemorar o Descubrimento

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
Máis de 200.000 persoas invaden Baiona durante a primeira fin de semana de marzo para celebrar a Festa da Arribada. Cabaleiros, artesáns, bufóns, mesoneiros, cíngaras… A vila viaxa no tempo e conmemora a chegada da carabela Pinta, baixo o mando de Martín Alonso Pinzón, o 1 de marzo de 1493.

A vila de Baiona foi a primeira de Europa en ter noticia do descubrimento de América e máis de 500 anos despois conmemórao polo grande cunha festa multitudinaria declarada de Interese Turístico Internacional. A primeira fin de semana de marzo cabaleiros, zancudos, artesáns de todos os gremios, cíngaras que len as liñas das mans, mesoneiros e miles de personaxes vestidos de época trasladan a vila a hai máis de 500 anos.

Toda Baiona se mergulla no Medievo durante os actos da Arribada e multitude de persoas chegan desde toda Galicia, numerosos lugares de España, Portugal e outros países. O Real Mercado Medieval supera xa os catrocentos postos e excede a superficie do conxunto histórico. As rúas están tan transitadas que o Concello dispuxo que, durante a conmemoración de tan magna data para a vila, sexan de dirección única para facilitar a mobilidade. A ocupación hoteleira durante a fin de semana alcanza o 100 %.

Os festexos arrincan con doce disparos efectuados desde a fortaleza de Monterreal e co torneo de xustas, no que os cabaleiros disputan o amor dunha moza de familia nobre. Existe ademais un campo de adestramento á disposición dos cabaleiros e organízanse olimpíadas medievais. Exhibicións de cetrería, competicións de esgrima e probas de tiro con arco son outros dos espectáculos máis atractivos, e o momento cume prodúcese coa representación teatral da chegada da carabela Pinta á vila, no areal da Ribeira.

Nos postos de artesanía do Real Mercado véndese cerámica, coiro, bixutería ou xoguetes, mentres que nos gastronómicos se poden degustar produtos coma polbo, churrasco, empanada, doces, viños ou licores. Na alameda dos aprendices, ademais, desenvólvense obradoiros de ata dez especialidades: olería, tapices de época, arte de acuñar moedas, escritura medieval, coiro, repostería, bordado antigo, ourivería, lacrado de cartas e gravado. As vilas irmandadas con Baiona teñen tamén presenza na feira, cunha parada formada por Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic e Vila do Bispo.

A finais do século XIX conmemorouse o IV Centenario do Descubrimento a través dos actos solemnes que tiveron lugar en Baiona, e en 1993 o seu conxunto histórico foi declarado de Interese Histórico-Artístico. A Arribada experimentou un enorme crecemento ata lograr en 2015 a declaración de Interese Turístico Internacional.

Transporte marítimo

Unha das formas de chegar a Baiona os días da Arribada é en barco, sen dúbida a máis adecuada para poñerse na pel daquela tripulación que vía solo europeo tras meses de aventuras en alta mar. As empresas Mar de Ons e Piratas de Nabia realizan rutas especiais de ida e volta o sábado e o domingo, exclusivamente durante as festas, para facilitar o transporte marítimo á vila. A primeira delas realiza percorridos desde Cangas, Vigo e Panxón, e a segunda desde Moaña, Cangas, Vigo e Panxón.

Baiona volve ao momento no que Europa tivo coñecemento do Novo Mundo. As súas xentes soubérono antes que ninguén no Vello Continente.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos