Cabecera experiencia

Vigo desde o Sereo: o quilómetro cero da cidade

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
A escultura de Leiro, instalada hai 25 anos, é xa un referente na paisaxe urbana de Vigo e un emblema da arte moderna da cidade. Ademais, está situada no lugar perfecto para visitar os principais lugares de interese turístico

"Quedamos no Sereo". A frase é un clásico entre a xente de Vigo á hora de fixar un punto de encontro no centro. O tritón de aceiro que se ergue a doce metros de altura na praza da Porta do Sol, o quilómetro cero da cidade, converteuse nun lugar de referencia desde que a obra do artista Francisco Leiro se instalou alí hai 25 anos, tempo no que se consolidou como un dos símbolos da escultura moderna da cidade.

Non todo o mundo o entendeu así cando o home-peixe, apoiado sobre dúas columnas de granito negro pulido, desembarcou na Porta do Sol na madrugada do 7 de novembro de 1991. Daquela unha parte da cidadanía tachouno incluso de espantallo, pero o tempo deulle a razón a Leiro: o Sereo, coas súas catro toneladas de peso, é agora unha referencia imprescindible na paisaxe urbana olívica.

A figura está situada no centro neurálxico de Vigo e serve como compás para percorrela e coñecer algúns dos seus principais atractivos. É imprescindible pasear as rúas da zona vella, baixando desde a praza da Princesa ata O Berbés, a carón do mar, orixe da antiga vila mariñeira agora convertida nunha potencia pesqueira e naval de rango europeo. Neste camiño pódense percorrer paseniñamente a rúa dos Cesteiros, a rúa Real ou a rúa das ostras, na que paga a pena deterse a degustar este saboroso molusco. A concatedral de Santa María, coñecida popularmente como a colexiata, alberga a imaxe do Cristo da Victoria, principal símbolo relixioso da cidade.

O barrio histórico, abandonado durante décadas, gañou un enorme pulo nos últimos anos tras un intenso traballo de rehabilitación, a apertura de locais comerciais e de restauración con selo propio e o establecemento de edificios institucionais e culturais. Para as persoas afeccionadas á arte é visita obrigada a pinacoteca Francisco Fernández del Riego (na rúa Abeleira Menéndez), que exhibe una ampla e valiosa mostra de obras de arte contemporánea galega de artistas coma Laxeiro, Colmeiro, Quessada ou Castelao, entre outros. Quen ame a natureza debe achegarse ao centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (na rúa da Palma), unha marabilla natural formada polas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

O Sereo é tamén a porta de entrada á rúa do Príncipe, a milla de ouro comercial da cidade, e na que pode visitarse o Museo de Arte Contemporánea (MARCO). Tamén desde a escultura do tritón se parte cara á rúa Policarpo Sanz e a avenida de García Barbón, no ensanche, a zona de expansión urbana desde finais do século XIX, onde se poden contemplar valiosos exemplos arquitectónicos coma o edificio El Moderno, o teatro García Barbón, a Casa das Artes, a casa Bárcena ou a casa Odriozola. Para afondar na historia da cidade olívica a través de imaxes o lugar ao que sen dúbida hai que dirixirse é o Arquivo Pacheco, que garda 140.000 imaxes de entre finais do século XIX e a década dos setenta do século XX.

Baixando cara o mar desde Policarpo Sanz por Colón é agradable facer un descanso paseando pola zona do Náutico e A Laxe. Alí, no peirao de transatlánticos, desembarcan as miles de persoas que recalan en Vigo cada ano nos cruceiros, xigantes do mar coma o Queen Mary II ou o Harmony of the Seas.

Na dirección contraria ao Príncipe paga a pena camiñar un pouco pola rúa Elduayen. A só cinco minutos de alí o miradoiro do paseo de Afonso XII ofrece unha das mellores panorámicas da cidade cara ao porto e a ría, coa península do Morrazo en fronte e as illas Cíes na boca de entrada.

No cumio do Castro

Vigo pon a proba as pernas de quen a percorre e a visita polas súas empinadas costas, pero o esforzo ten a súa recompensa. A subida pola zona vella abre á vista o antigo castelo de San Sebastián, un punto intermedio no camiño ata o monte do Castro. Nunha das súas ladeiras está o poboado castrexo, un xacemento con vinte antigas edificacións reconstruídas que permite mergullarse in situ na vida das persoas que habitaron a vila entre os séculos III e I antes de Cristo.

Outra dose de sacrificio ata coroar o monte ten o premio especial. No cumio está o castelo do Castro, con vistosos xardíns e un espectacular miradoiro. A ría de Vigo queda aos pés, coas Cíes como pano de fondo. Impagable e, ao mesmo tempo, gratuíto.

Con máis tempo, xa que está máis lonxe, merece a pena achegarse ao parque de Castrelos, outra das visitas imprescindibles na cidade. Alí, ademais de pasear polos seus xardíns, cómpre visitar o pazo Quiñones de León, doado polo marqués de Valadares en 1924, e que alberga o museo da cidade.

O Celta, un símbolo

O mar, a industria… e o Celta. O club de fútbol é un dos sinais de identidade da cidade. O estadio de Balaídos está preto de Castrelos, así que un día de partido pode garantir unha experiencia para recordar entre a marea de seareiras e seareiros celestes que arroupan o equipo.

E, se de lecer se trata, a oferta de Vigo é ampla. O festival de deporte e cultura urbana O Marisquiño, que ten lugar no mes de agosto, atrae xa 125.000 persoas en cada edición. As e os mellores riders e skaters do mundo danse cita no evento. Os concertos de verán no anfiteatro de Castrelos, con artistas nacionais e internacionais, o festival ImaxinaSons, de jazz, ou o Sinsal, de vangarda sonora, son outras referencias para anotar na axenda.

Arte na rúa

En Vigo tamén se pode gozar das manifestacións artísticas a pé de rúa. Nos últimos anos o Concello desenvolve un programa de arte urbana en medianeiras de edificios e noutros espazos públicos. Os vistosos murais, dos que 27 xa están rematados, conforman unha ruta propia espallada ao longo e ancho da cidade. O Sereo serve tamén de punto de referencia. De camiño ao Castro atopamos unha obra de Xavier Magalhães na escalinata da pinacoteca e outra de Nelson Villalobos, La caracola, na praza de Enrique Blein Budiño.

Unha xornada na cidade olívica dá para moito. Só hai que fixar un punto de encontro. A Porta do Sol, co Sereo outeando a paisaxe, pode ser o lugar perfecto. Quedamos alí.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur