Cambados coroa o príncipe dos viños brancos

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Por miles. Así se contan as persoas visitantes da Festa do Albariño de Cambados, un evento que, edición tras edición, colga o cartel de completo. Considerado un dos acontecementos vitivinícolas máis importantes do panorama nacional, nesta ocasión a distinción desta localidade do Salnés como Cidade Europea do Viño magnifícao todo. Máis actividades. Máis propostas. Máis enoturismo. En definitiva, máis Cambados.

En poucos días Cambados vivirá unha das edicións da Festa do Albariño máis significativas da súa historia. Este ano a celebración –das máis esperadas nas Rías Baixas– está ligada á conmemoración desta localidade do Salnés como Cidade Europea do Viño, un título que, durante todo o ano, se deixou sentir no municipio con preto dun centenar de actividades de promoción. A máis antiga de todas as festas vinícolas de España despois da Vendima de Xerez, a dedicada ao albariño, foi, ademais, pioneira en Galicia e actualmente é considerada a máis importante do territorio nacional.

O propio cartel desta LXV Festa do Albariño alude á capitalidade de Cambados a través dun deseño da madrileña Beatriz López León. Elixido entre os 59 traballos presentados ao concurso, no deseño destaca especialmente o pazo de Fefiñáns como un dos puntos máis representativos da Capital do Albariño. Así, desde o 2 ao 6 de agosto o ambiente vitivinícola inundará todo nunha festa de Interese Turístico Nacional que apoian miles de visitantes.

Aínda que o programa completo de actividades ligadas á difusión do considerado o príncipe dos viños brancos aínda non está pechado, si se coñecen detalles como que o Capítulo Serenísimo do Albariño investirá a escritora de orixe galega Nélida Piñón como Dama da Orde. Con este tipo de distincións perséguese a difusión, por parte de distintas personalidades, do caldo máis aclamado de Cambados. Cómpre sinalar, neste sentido, que o Capítulo Serenísimo, creado en 1969, nomeou Cabaleiros do Albariño a personaxes coma Charles de Gaulle ou Juan Domingo Perón.

Decenas de adegas no paseo da Calzada

Xunto a numerosos adegueiros no paseo da Calzada, que lles presentarán ás persoas visitantes os seus viños cultivados coa Denominación de Orixe Rías Baixas, a Festa do Albariño preséntase cun amplo programa musical protagonizado por grandes referentes. Foi nos anos 80 cando o evento se consolidou e apostou pola música de grupos de primeiro nivel coma Os Resentidos, do polifacético Antón Reixa. Así, o ciclo de concertos do evento iniciarase o día 2 coa actuación de Carmen París. Ao día seguinte será a quenda da agrupación Son de Seu, que dará paso a The Waterboys e Best Boy na xornada do día 4. A banda británica, liderada por Mike Scott, revivirá a súa dilatada carreira musical con estilos coma o folk celta, gospel, country e rock. Na noite do sábado, pola súa banda, soará música rock con Heredeiros da Crus, que repasará os seus 25 anos de traxectoria no concerto que ofrecerá na praza de Fefiñáns. A Banda de Música de Castrelo pechará, o día 7, o programa de concertos.

A orixe

A orixe desta celebración ten moito de espontáneo. En 1953 Bernardino Quintanilla Álvarez e Ernesto Zárate retáronse a comparar os seus caldos. Fixérono a través dun concurso-cata que, cos anos, daría lugar á festa tal e como hoxe a coñecemos. O que no seu día foi un encontro festivo pero de carácter íntimo, na actualidade converteuse nun certame de grandes proporcións que atrae visitantes de toda España e do estranxeiro. O primeiro cartel anunciador da festa chegaría en 1958.

Cambados, berce de artistas, sempre destacou pola presenza dun importante número de intelectuais. Como exemplo, a finais dos anos 50 do século pasado, ante uns 300 comensais, Álvaro Cunqueiro lía o seu pregón. Nacía entón un evento no que participaron, entre outros, personalidades coma Torrente Ballester, Filgueira Valverde ou Celso Emilio Ferreiro.

A Festa do Albariño de Cambados foi recoñecida como de Interese Turístico de Galicia en 1977 e en 1990 obtivo a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional. Agora, tras o nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño, o reto no municipio emblema do enoturismo das Rías Baixas pasa pola consecución da distinción internacional.

Un municipio onde nunca sobra o tempo

A Festa do Albariño é unha magnífica ocasión para gozar doutras das múltiples bondades de Cambados. Entre os distintos plans hai que destacar tres: coñecer o Museo Etnográfico e do Viño, que te transportará aos viñedos tradicionais e ao seu significado nesta terra do Salnés; acudir ás ruínas do cemiterio de Santa Mariña Dozo, un deses espazos que parecen detidos no tempo; e sentar á mesa, acompañando a copa de albariño con, por exemplo, unhas saborosas vieiras preparadas ao estilo de Cambados; sen dúbida, o ingrediente culinario estrela da cociña da localidade.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos