Cabecera experiencia

Campo Lameiro. Unha viaxe polos labirintos de pedra

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte

Quen os gravou? Cal é o significado destes enigmas? Como foron descubertos? Campo Lameiro agocha un tesouro de transcendencia internacional, datado na Idade de Bronce, que moitas persoas descoñecen. Se Galicia é rica en petróglifos, este concello pode considerarse a Arcadia destas misteriosas expresións marcadas nas rochas. Nunha ladeira de vinte hectáreas atopamos a maior concentración de figuras de arte rupestre ao aire libre de Europa. Desde ese lugar máxico trasladámonos a unha época remota, entramos nunha exposición didáctica no moderno edificio do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) e gozamos dunhas panorámicas espectaculares desde varios outeiros, admirando a cadea de montañas do sur da provincia ata a serra do Galiñeiro.

O agradable paseo pola espléndida ruta dos petróglifos de Campo Lameiro ten dez escalas, cada unha cun mural en rocha natural no que os nosos antepasados representaron escenas de caza, misteriosos labirintos, armas e outras imaxes. Un pequeno panel en cada unha destas estacións serve de guía para diferenciar as liñas gravadas pola man do ser humano das marcas naturais da pedra.

Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo Lameiro
Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo Lameiro

Algunhas, coma a Laxe dos Carballos, son magníficos e fermosos lenzos de grandes dimensións labrados na pedra nos que se distinguen perfectamente varias escenas dentro dunha composición coral. No Outeiro dos Cogoludos sentiremos a maxia dos labirintos da Idade de Bronce. A incógnita sobre o que representaban chega ata os nosos días.

A visita á área arqueolóxica remata coa parada no poboado da Idade de Bronce. Trátase dunha recreación de gran calidade, con varias cabanas, estruturas de almacenamento e cercados para os animais, todo construído cos mesmos materiais que empregaban os nosos antepasados. É o final perfecto para reproducir como vivían os galegos de hai 4.000 anos.

Paneis, pantallas, réplicas e antigas pezas achadas nas escavacións coma lascas, coitelos ou puntas de frecha guíannos na nosa viaxe ao pasado

A exposición, dentro do edificio do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, ofrécenos algunhas respostas ás preguntas que nos facemos no percorrido exterior e presenta a información dunha maneira didáctica, visual, sinxela e atractiva. Paneis, pantallas ou antigas pezas achadas nas escavacións coma lascas, coitelos, machados, puntas de frecha ou elementos decorativos guíannos na nosa viaxe no tempo.

Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo Lameiro
Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo Lameiro

Mentres avanzamos pola mostra, distribuída en oito sectores, podemos observar e visitar o interior dunha cabana reproducida con todos os seus aparellos para coñecer mellor a vida doméstica dos galegos da Idade de Bronce, e atopamos tamén a sorprendente réplica a tamaño natural dun cazador, ataviado da cabeza aos pés coas súas peles para abrigarse e as armas que empregaba na procura de animais cos que alimentarse.

Unha inquietante banda sonora acompáñanos no percorrido. O son sae dunha sala na que se proxecta un espectacular vídeo de sete minutos e medio. A produción, en tres pantallas de grandes dimensións e cunha acústica que nos envolve, trasládanos á época na que se realizaron os petróglifos e preséntanos distintas hipóteses que formulan as investigacións para explicar o sentido destes gravados.

A visita remata cun sector que nos conciencia da importancia que ten conservar as fráxiles mostras de arte rupestre ante o lento proceso de degradación que sufriron ao longo dos séculos.

O corpo alongado do edificio do Parque evoca a forma dos cervos debuxados hai 4.000 anos e emerxe do terreo para integrarse na paisaxe

O edificio do Parque é, ademais, outro dos atractivos desta capital da arte rupestre europea. A forma do seu corpo alongado e irregular evoca a figura dos cervos gravados nas rochas hai miles de anos. A cuberta do inmoble, composta por lousas de pedra, cambia de tonalidade durante o día co xogo cromático que produce a luz natural. A estrutura emerxe do terreo para integrarse nunha paisaxe máxica na que atopamos, debuxada na pedra, unha parte da nosa historia.

Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo Lameiro
Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo Lameiro

E para completar o día…

Campo Lameiro ten outros atractivos que se poden visitar para completar a excursión arqueolóxica. O río Lérez pasa polo termo municipal, e alí atopamos a praia fluvial de Redonde, ideal para o descanso. Está rodeada de carballeiras con mesas, bambáns e outros equipamentos para pasar unhas horas de relax no medio da natureza. Especialmente fermosas son as carballeiras de Rozas e San Brais.

E se de espazos naturais se trata, atopamos un estupendo no monte Agüeiros, cunhas impresionantes panorámicas e outra importante pegada do noso pasado. Alí está o castro de Penalba, un dos máis antigos de Galicia, do século VIII a. C. Na cima do monte encóntrase outro petróglifo, o da Pedra da Serpe; e preto de alí, a 400 metros, o de Rotea do Mendo.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Interior Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos