Carneiro ao estilo da Pampa en Moraña

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Os emigrantes de Moraña que regresaron de América deixaron na súa patria un importante legado, no que ocupa un lugar destacado a Festa do Carneiro ao Espeto. Nos anos 20 do século pasado un morañés xubilado, de volta da Arxentina, organizou varias comidas campestres nas beiras do río Umia nas que se asaba o carneiro ao estilo "pampero", tradicional nas terras gauchas. Décadas despois naceu a cita gastronómica, que as últimas fins de semana de xullo atrae miles de comensais e é un evento de Interese Turístico de Galicia.

A carballeira de Santa Lucía acolle a festa, que se celebrou por primeira vez en 1969 e é unha das máis antigas das Rías Baixas no apartado culinario. Nela, un grupo de expertos asadores cociñan a lume manso máis de cen carneiros para servírllelos aos comensais congregados á sombra dos carballos.

O asado ao espeto fixo fortuna en Moraña hai un século e co paso dos anos esta forma de cociñar o carneiro converteuse en tradición. A finais dos anos 60, o Concello, nun momento no que as festas gastronómicas estaban en auxe, propuxo facer coincidir a Festa da Xuventude coa degustación do asado crioulo. Pouco a pouco, o carneiro ao espeto converteuse no máximo expoñente da gastronomía local e a festa atrae actualmente visitantes de toda Galicia.

Dezaseis carneiros servíronse na primeira edición, e progresivamente aumentou a dimensión e popularidade do evento. Os cociñeiros colocan ao redor das fogueiras as estruturas de ferro nas que se atan os exemplares abertos en canal; as brasas de madeira de carballo acentúan o especial sabor das pezas, que se cociñan a lume manso durante sete horas sen ningún tipo de adobo.

A carne é cociñada a lume manso durante sete horas e o carneiro sérvese enteiro aos comensais con empanada, viño, café e augardente

Cada carneiro ao espeto véndese enteiro aos comensais, no canto de por racións. O lote, a un prezo de 300 euros, inclúe un carneiro de 12 a 14 quilos, empanadas de trigo, de zorza e de bacallau con uvas pasas, pan, doce botellas de viño tinto da terra, doce botellas de auga mineral, unha de salsa especial ajilimójilis –a base de herbas e condimentos para realzar o sabor da carne–, café, augardente e servizo completo de mesa.

A cita gastronómica, que este ano se celebra o domingo día 30, vén acompañada dun amplo programa de actividades. Bares e restaurantes desta localidade da comarca de Caldas participan nas semanas previas no concurso "Espétalle un pincho", e realízanse no parque de Santa Xusta actividades multiaventura con xogos populares, tiro con arco e tirolina.

A música tradicional ocupa un importante espazo co festival folclórico organizado polo grupo local de música e baile tradicional Seixebra, que nesta edición comparte escenario coas Pandereteiras Riscadela (Teo), a Asociación Cultural Etnográfica La Arracada (Zamora) e a Banda Nova Lira de Moraña. O evento benéfico Moraña Glamour –unha noite de moda, beleza, espectáculo e solidariedade– é outra das iniciativas durante a Festa do Carneiro ao Espeto, que se complementa con outras actividades coma unha carreira de atletismo, teatro, xogos acuáticos na piscina municipal, natación, baloncesto, verbena, fútbol e a Festa da Bicicleta.

A Gran Gala Carneiro ao Espeto na carballeira precede, a noite do sábado, a gran comida popular. O cartel do evento nocturno inclúe este ano concertos de Coti, Henry Méndez e Marango.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte