Catro bosques para gozar do outono nas Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte   
Coa chegada do outono os soutos alcanzan o seu maior esplendor. Recomendámosvos catro bosques de frondosas nas Rías Baixas para gozar do espectáculo da natureza.

Os bosques de castiñeiros son unha das paisaxes máis representativas de Galicia. A mellor época para gozalos é o outono, cando alcanzan todo o seu esplendor. As follas adquiren esas tonalidades ocres tan características da estación e o chan convértese nun brando manto de terra húmida, follas caducas e ourizos de castañas. Animámosvos a vivir a experiencia do outono en catro bosques das Rías Baixas!

Fraga de Catasós

Un dos bosques autóctonos máis recoñecidos da provincia de Pontevedra é a Fraga de Catasós, no municipio de Lalín. Trátase dun bosque de carballos e castiñeiros centenarios que alcanzan, nalgúns casos, os 30 metros, polo que son considerados os máis altos de Europa. A fraga pertenceu á familia Quiroga de Catasós, que habitou o pazo no que, anos máis tarde, a escritora Emilia Pardo Bazán escribiu Os pazos de Ulloa. Actualmente é propiedade da Xunta e goza do recoñecemento de Monumento Natural. A zona pódese explorar a través dunha ruta de sendeirismo, sinalizada polo Concello, que permite coñecer igrexas, muíños, cruceiros e outras mostras da arquitectura popular. Destacan os soutos de Cardiego e de Quiroga; neste último lugar crecen exemplares de castiñeiro de máis de 200 anos. 

Fraga de Catasós
Fraga de Catasós

Parque Natural de Cotorredondo

Na península do Morrazo, o espazo natural de Cotorredondo-Castiñeiras tamén alberga varias concentracións de castiñeiros, tal e como quedou reflectido na toponimia do lugar. Trátase dunha área de grande interese paisaxístico na que coexisten árbores de distintas procedencias con especies autóctonas. Nesta zona atopamos hoxe en día soutos duns vinte anos de antigüidade que pertencen a diferentes comunidades de montes. Ao norte, preto do lago de Castiñeiras, atópase a plantación dos comuneiros de Vilaboa, e ao sur está o souto de San Tomé de Piñeiro, en Marín. Se ascendemos ao punto máis alto da zona, no cume de Cotorredondo (a 550 metros), poderemos gozar, ademais, dunhas espectaculares vistas. No lugar existe unha torre de vixilancia contraincendios que funciona tamén a modo de miradoiro. Está xestionada polos comuneiros de Santa Cristina de Cobres e pódese solicitar permiso para realizar visitas en grupo.

Parque Natural de Cotorredondo
Parque Natural de Cotorredondo

Montes de Vigo

Nas Rías Baixas é posible o reencontro coa natureza sen necesidade de afastarse moito da cidade. É o caso, por exemplo, dos montes que rodean Vigo, entre os que destacan os parques forestais de Saiáns e Coruxo, cuxa visita paga a pena non só polos seus bosques de castiñeiros, senón polas rutas de sendeirismo salpicadas de merendeiros, fontes e restos arqueolóxicos. Os montes de Coruxo posúen un dos soutos máis antigos de Vigo, duns 20 anos de antigüidade. Pódese descubrir o bosque e a zona lindeira a través dun carreiro de 9 quilómetros que nos conduce por fontes curiosas, coma a do sapo, petróglifos e miradoiros sobre a ría. Pola súa banda, o parque de Saiáns conta co 50 % da súa masa arbórea dedicada a frondosas, basicamente carballo e castiñeiro. Hai soutos de 15 anos e outros máis recentes. O parque pódese rodear facendo unha ruta circular de 3 quilómetros que nos levará a lugares con moito encanto, coma a Fraga de Cal do Outeiro e os muíños da Estea.

Montes de Vigo
Montes de Vigo

Bosques de Ponte Caldelas

Nos arredores de Ponte Caldelas existen exuberantes bosques de carballos, castiñeiros e bidueiros que medran nas ribeiras do río Verdugo. Unha boa proposta para descubrir a zona é tomar o sendeiro azul que parte da praia fluvial da Calzada e segue a canle do río en dirección á Lama, ata a parte alta do municipio. Ao longo da ruta atoparémonos con restos de muíños, fervenzas, o peto de ánimas Almiñas do Río e os pasos fluviais da Fraga e Portasouto, de grande interese etnográfico. Trátase de construcións ancestrais de pedra, tamén chamadas poldras, utilizadas para cruzar o río. A senda descubriranos fermosos exemplares de castiñeiros, especialmente na contorna da aldea de Portasouto. Moi preto de aquí, perfectamente indicado, consérvanse os restos do foxo do lobo, unha trampa tradicional para capturar este animal, situada no lugar de Laxoso de Abaixo. 

Bosques de Ponte Caldelas
Bosques de Ponte Caldelas

Nestes catro bosques encóntranse esparexidas polo chan abundantes castañas. É importante ter en conta que, nos montes comunais, as castañas son propiedade das comunidades que os xestionan. Con todo, estas non adoitan molestarse se as persoas visitantes recollen durante o seu paseo algúns froitos, sempre que non se faga de forma intensiva e para uso comercial. Para gozar deste produto de tempada é conveniente acudir a algún dos numerosos magostos que se celebran por todas as partes ou adquirir as castañas no mercado, onde atoparemos o mellor produto etiquetado co selo de Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte