Cabecera experiencia

Danza e Contradanza con moita historia en Darbo

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
O 8 de setembro celébrase en Darbo a terceira das danzas ancestrais que se poden ver en Cangas, nas Rías Baixas

Se en xaneiro se celebra a Danza de San Sebastián en Aldán e en agosto a de San Roque no Hío, en setembro é a quenda da Danza e Contradanza de Darbo. A diferenza das dúas primeiras, esta é unha danza encomendada á patroa da súa parroquia, Santa María de Darbo.

A Danza e Contradanza de Darbo é un festexo que durante moito tempo non se realizou, ata que veciñas e veciños da parroquia, co obxectivo de recuperar vellos costumes, comezaron a buscar a maneira de recuperar este baile. A tarefa non foi sinxela debido a que había unha gran fenda xeracional. Afortunadamente, grazas á documentación histórica dos arquivos, a algunha fotografía e á localización dunha antiga danzante que agora reside fóra da provincia, conseguiron rescatar esta vella peza que algún historiador data duns cantos séculos atrás.

Hoxe é unha tradición que se transmite de pais a fillos, unha das pezas máis antigas non só de Pontevedra, senón de Galicia.

O baile ten lugar o día 8, despois dunha solemne misa e tras concluír a procesión, normalmente despois das 12 h. Dez galáns e cinco damas realizan fronte á igrexa a Danza e Contradanza, que, a diferenza do que ocorre no Hío, é tamén interpretada por mulleres; todos van acompañados por un guía ao compás dun gaiteiro e un tamborileiro. A petición popular, a actuación repítese pola tarde para aquelas veciñas e veciños que non puideron asistir á primeira cita. Desta maneira, a partir das sete da tarde e despois dunha misa, repítese a Danza e Contradanza, que adoita durar igual que a anterior, ao redor de 45 minutos.

Vestimenta

En canto á vestimenta, os homes levan pluma no chapeu e locen pendentes. Mentres uns consideran que é un símbolo de riqueza, outros sosteñen que provén de cando os homes tiveron que substituír as mulleres polo veto da Igrexa. En canto ás mulleres, que visten con camisa, enaguas e saias con puntillas anchas, destacan o seu mantón e o chapeu feito de flores naturais (a diferenza dos chapeus da Danza do Hío), que elas mesmas confeccionan unhas horas antes para manter o seu colorido vivo.

Festas

En canto ao resto do festexo, o pregón e o chupinazo teñen lugar o día 6 pola noite; na edición anterior foron acompañados dunha queimada popular. Ao día seguinte, foguetes, verbena e orquestras amenizan a festa. O día 8 é o máis especial, coas dúas sesións da Danza e Contradanza, pola mañá e pola tarde. Unha última misa solemne e procesión celébranse o día 9 e esa mesma noite finalizan as festas coa verbena.

Para ver e percorrer

A comarca do Morrazo é unha das zonas máis fermosas das Rías Baixas, con praias extraordinarias coma as da Costa da Vela, Melide, Nerga ou Liméns, onde se pode pasear ata Cabo Home ou ata o faro de  Punta Robaleira. No lado oposto atópanse as praias de Menduíña  ou Areabrava, entre outras. Pola súa banda, o miradoiro do Monte do Facho e o castro que aí mesmo se atopa teñen unhas vistas envexables. Tamén se recomenda o paseo e a visita ao  Cabo Udra, un pouco máis apartado pero que paga a pena.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos