Da Guarda a Crecente: ruta polos municipios que lindan con Portugal

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur    Interior Sur   
A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente. O sur destes oito municipios pontevedreses configura a latitude norte do veciño Portugal. Mentres acariñan o país luso, estas terras gozan do baño do río Miño. E xogan a seducir a quen os visita.

Sexa ou non a primeira vez que vas, a zona máis meridional de Pontevedra ten moito que ofrecer. Pero empecemos polo principio. Se se mira desde o Atlántico, A Guarda é o primeiro punto no que deterse. En territorio guardés hai que reservar tempo, polo menos, para estes catro lugares:

O monte de Santa Trega integra valores arqueolóxicos, paisaxísticos e relixiosos. No primeiro caso, a súa citania considérase un dos expoñentes da cultura castrexa máis relevantes de todo o noroeste peninsular. Só se escavou unha pequena parte deste asentamento, que ten as súas orixes documentadas no século IV a. C. Na cima do monte dúas elevacións poñen un mundo de enclaves paisaxísticos aos nosos pés: o pico do Facho, que cos seus 328 metros ofrece unha ampla panorámica do Rosal, e o pico de San Francisco, cuxos 341 metros o converten no máis elevado de Santa Trega. O cruceiro de San Francisco, os viacrucis e a ermida de Santa Trega  compoñen o legado relixioso.

Terrazas, restaurantes, vías estreitas e edificacións de estilo mariñeiro debuxan o porto pesqueiro, punto de encontro para quen desexe gozar da vida guardesa: a chegada dos barcos, a descarga do peixe ou a gastronomía tradicional. Sempre ligada ao mar, na Guarda a relación co océano albíscase a cada paso: nos monumentos aos mariñeiros, o paseo marítimo, a lonxa e confraría, a ruta das cetarias ou o Museo do Mar.

Fluviais ou marítimas, A Guarda é tamén refuxio de praias. Entre as primeiras destacan O Muíño, A Lamiña, A Armona e O Codesal. Entre as segundas, Area Grande, Fedorento e O Carreiro, que se abren ao Atlántico en forma de pequenas calas.

O pasado mariñeiro está tamén presente na Guarda. Percíbese a cada pouco no centro urbano, organizado ao redor da actividade pesqueira, que hoxe ademais lle regala a quen o visita pequenas rúas, casas indianas e tramos da muralla medieval aínda conservada e que conta cunha zona comercial actual e dinámica.

Cando A Guarda queda atrás, aparece O Rosal. Moi próximo tamén á desembocadura do Miño, o enoturismo e o sendeirismo son as grandes propostas turísticas deste concello. Entre os sendeiros destaca a ruta dos muíños do Folón e do Picón. Estas construcións, declaradas Ben de Interese Cultural, lembran hoxe o seu movemento de onte. Ademais, estas terras percórrense a través do Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe, que enlaza a praia das Eiras coa zona do río Tamuxe. O muíño das Aceñas ou as ruínas dun antigo serradoiro de vapor espérannos nun itinerario apto para toda a familia.

Tomiño é o terceiro concello polo que discorre esta ruta en dirección a Crecente. Entre todos os seus variados e numerosos recursos está o esteiro que forma o Miño nun dos seus últimos tramos e que lles serve de refuxio a numerosas especies de aves. A canle fluvial foi, desde un punto de vista histórico, o elemento que marcou a contorna tomiñesa, e proba diso son as fortificacións. Na fronteira, e destacada pola súa perfección e simetría, sitúase a de San Lourenzo de Goián, ao redor da cal naceu tamén o Espazo Fortaleza. O castelo e a torre de Tebra dominan, co seu aire renacentista, o val do mesmo nome. Con respecto á arquitectura eclesiástica, destacan igrexas coma a de Santa María de Tomiño ou a de San Vicente de Barrantes, aínda que todo o concello está salpicado de elementos relixiosos coma cruceiros ou petos de ánimas.

Moitos lugares de Tomiño falan do pasado. É o caso dos petróglifos do monte Tetón, considerados dos máis importantes de Europa, ou das casas e escolas indianas, que dan conta da importancia da emigración hai só unhas décadas neste municipio do sur da provincia. As súas áreas de recreo, a gastronomía e a cultura do viño son, ademais, o reclamo perfecto para quen busca un descanso. Se se prefire o turismo activo, as rutas a pé son a alternativa. Unha vista difícil de esquecer, fronte ao Atlántico, é a que ofrece o alto da serra da Groba .

E de Tomiño pasamos a Tui, porta de entrada en Galicia cara a Santiago de Compostela se se partiu do sur. A catedral, que empezou a construírse no ano 1120, con fundamentos románicos pero remates góticos, e cuxo pórtico está considerado a primeira obra deste estilo artístico na península, articula a localidade. O seu conxunto histórico —co museo diocesano, a capela de san Telmo, o convento das clarisas, a igrexa de San Francisco ou o convento de Santa María— é dos máis visitados e dos máis completos. Ao elevar a vista, contemplamos o monte Aloia. O parque natural, de máis de 700 hectáreas de extensión, é un espazo de flora, fauna e paisaxismo; alberga tamén un recinto amurallado e unha ermida que merecen máis dunha fotografía.

Saíndo de Tui en dirección ás Neves entramos en Salvaterra de Miño, a seguinte parada da nosa ruta, de aires palacianos, eclesiásticos e culturais. O pazo de Lira, o pazo de Petán, o pazo de Fillaboa, o portalón da Inquisición, a casa de Teáns, o castelo medieval do conde ou o pazo de Santo Amaro repártense de norte a sur. Tamén trasladan a épocas pasadas as vistas ao seu castelo e as murallas do século XVII, a capela da Oliveira, a igrexa de San Lourenzo ou as covas de dona Urraca. Se se prefire o exercicio, o parque público da Canuda ou o paseo fluvial do Miño son o lugar perfecto para coñecer o concello paso a paso.

Estes pasos son os que, a continuación, se deteñen nas Neves. Neste caso, o Miño volve aliarse coa contorna para ofrecer paisaxes desas nas que as tardes non pasan, voan. Sucede, por exemplo, na área recreativa de Santa Mariña en Liñares. Pero, naturalmente, este é un concello para gozar tamén a pé, e múltiples rutas —coma os sendeiros dos Frades ou dos Pescadores— fano posible. Antes de marchar das Neves, non deixes de visitar Ribarteme (a súa romaría de Santa Marta é unha das máis coñecidas), a ponte da Senra, sobre o Termes, e a das Puntaleiras.

Xa en terras de Arbo o río Miño domina o territorio e debuxa as panorámicas. As pontes, coma a que une este concello coa localidade lusa de Melgaço, forman parte fundamental da paisaxe e ademais ofrecen vistas espectaculares. Outra ponte das que destacan é a de Mourentán, sobre o Deva, á que poden facerse visitas guiadas. A importancia de recursos coma o viño e a lamprea na zona impulsou a creación dun centro de interpretación no que sempre se aprende algo novo, por exemplo, sobre as pesqueiras ou pescos, construcións propias da zona ligadas á actividade pesqueira. Outros elementos singulares que tamén merecen unha visita son os hórreos de Mourentán ou Almuiña e o pazo da Moreira.

O último concello da ruta é Crecente, o seu punto máis ao leste. A fin dun camiño iniciado aos pés do Atlántico e no que aínda queda moito por descubrir: desde castelos —hoxe pode contemplarse a torre de Fornelos, enclavada nunha contorna montañosa—, ata construcións coma a ermida da Virxe do Camiño, a igrexa románica de Albeos, os miradoiros do Coto da Cruz e do alto de Guillade, vestixios de castros celtas ou o fortificado pazo da Fraga, que supoñen unha viaxe no tempo. E, de principio a fin, esta ruta acariña Portugal.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur    Interior Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos