De andaina polas Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur   

Colle a mochila e a cantimplora. Propoñémonos percorrer As Rías Baixas. E farémolo a pé, a través de cinco andainas nas que coñeceremos diversos municipios da provincia de Pontevedra. O proxecto DepoAndainas, impulsado pola Deputación, guiarate no percorrido. Agárdante cinco itinerarios circulares. Podes escoller un, varios ou completalos todos.

A Illa de Arousa. O Carreirón (18 de xuño)

A Illa de Arousa, unha das illas máis grandes de Galicia, sempre sorprende. Partiremos da zona de O Bao para percorrer un itinerario de dez quilómetros que nos permitirá coñecer o Parque Natural do Carreirón. Para iso, avanzaremos por unha pasarela e divisaremos as praias das Xestelas, A Lameira e Dente de Can ou Lontreira, así como o con dos Tres Pés, o con do Fociño do Porco e o con do Crocodilo. A lagoa de Carreirón, idónea para avistar flora e fauna, será unha das nosas últimas paradas. Finalizaremos a xornada cunha actividade de fotografía de aves.

Cambados. Sendeiro Natural da Pastora-Umia (9 de xullo)

Cambados é o punto de partida e regreso deste itinerario, no que percorreremos sete quilómetros durante unhas catro horas. Nesta ruta coñeceremos un Cambados diferente e menos concorrido. Realizaremos unha parada no monte da Pastora, que ofrece unhas vistas únicas da localidade: a desembocadura do río Umia e a ría de Arousa ata a illa de Sálvora. A continuación, visitaremos as ruínas de Santa  Mariña e o Museo Etnográfico e do Viño, onde contemplaremos hórreos, viñedos e paisaxes naturais únicas. Ao noso regreso, sen deixar o río, gozaremos da fauna do Complexo Intermareal Umia-O Grove. Ademais, teremos a oportunidade de participar nun xogo de xeocaptura.

Vilaboa e as illas Cíes (10 de setembro)

Oito horas e dez quilómetros son os datos de partida desta andaina, que se completa cunha viaxe en barco ás illas Cíes. Nela percorreremos o Sendeiro dos Muíños de Vilaboa, un dos máis populares de Galicia. Partiremos das salinas do Ulló e visitaremos Toural, Río, Cimadevila, Postemirón e Graña para despois partir cara ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia desde Cangas. Descansaremos na praia de Rodas e despois dirixirémonos cara ao alto do Príncipe, en Monte Agudo. Un taller de fotografía de aves completará o noso percorrido por unha das zonas das Rías Baixas que máis interese esperta.

Camiño de Santiago. Tui-O Porriño (24 de setembro)

E por que non calzar as botas de peregrino? Esta é a nosa proposta para esta andaina, na que, durante unhas catro horas e ao longo de dez quilómetros, coñeceremos a historia do Camiño de Santiago. Para iso, sairemos da ponte internacional do río Miño e seguiremos o trazado do Camiño Portugués. Tui e a súa zona vella guiarán os nosos pasos cara á parroquia de San Bartolomeu de Rebordáns, a ponte das Febres ou o arroio de San Simón. Entón será o momento de regresar; pero antes haberá tempo para participar nun obradoiro de identificación de rastros animais e orientación no medio natural.

Soutomaior. Pedra e auga (15 de outubro)

Durante tres horas percorreremos con facilidade os 7,2 quilómetros desta andaina, que ten por punto de partida e chegada un dos principais atractivos da provincia: o castelo de Soutomaior. Construcións en pedra, regatos, leitos fluviais e unha paisaxe difícil de esquecer farannos partícipes da historia da súa contorna, das súas loitas medievais e da vida tradicional da zona. Tras deixar o castelo e o seu xardín botánico, dirixirémonos cara ao río Verdugo e chegaremos á ponte de Comboa, coa súa praia fluvial e a poza das Bestas, onde os restos dos muíños revelan o seu pasado. A continuación, partiremos do Sobral e retornaremos ao castelo. Ao finalizar a ruta, unha actividade de iniciación ao tiro con arco converteranos en auténticos personaxes do Medievo.

En definitiva, cinco formas de gozar a provincia de Pontevedra e As Rías Baixas. O prazo de inscrición abre 15 días antes da data de realización de cada unha destas andainas. Non esquezas anotarte!
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur