De Santo Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Interior Norte   

"De Santo Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín". Esta frase do refraneiro é todo un clásico na capital dezá e marca o período en que o seu prato máis coñecido vive os seus días grandes. Os fogóns énchense de potas e o aroma da potaxe tradicional galega alágao todo.

Nun ano no que as temperaturas son moito máis agradables do que adoitan ser por estas datas, nada impide sentar á mesa ao redor do prato que Lalín se encargou de converter en internacional. O día 19 de febreiro —sempre o domingo previo ao Entroido— terá lugar a súa xornada de exaltación, coa XLIX edición dunha festa gastronómica declarada de Interese Turístico Nacional.

Institucionalizado no 1969 grazas á proposta conxunta de seis alcaldes da comarca de Deza, este evento réndelle culto á elaboración tradicional da zona, unha forma de preparar o cocido que dista moito da doutros de España como o maragato, o lebaniego, o montañés, o madrileño ou a escudella.

Presentado xa o seu cartel —un dos elementos máis esperados edición tras edición e que este ano é obra do artista plástico lalinense Misha Bies Golas— chega o momento de coller sitio. A receita clásica desta zona coloca sobre o mantel máis dunha decena de ingredientes: espiñazo, touciño entrefebrado, costela, orellas e uñas salgadas, lingua, galiña da casa, tenreira e chourizos de Lalín, carnes protagonistas dun prato no que as verduras e os legumes son tamén actores convidados, así que as fabas grandes, os garavanzos, as patacas e os grelos nunca faltan.

E se degustar un cocido de Lalín é unha experiencia que non entende de reloxo, a elaboración deste prato tampouco o fai. De feito, a preparación comeza ata catro días antes de comer o cocido. É entón cando hai que poñer o lacón a desalgar, mellor nunha zona fresca, cambiándolle a auga, que ten que ser fría, cada 24 horas. Dous días despois lávase minuciosamente cada peza de carne que se vai incorporar á pota, repetindo o proceso que se fixo co lacón. A xornada previa ao día no que se vai cociñar o cocido é o momento de poñer a remollo os garavanzos e as fabas, que, segundo explican en Lalín, deben colocarse sempre en recipientes distintos.

O inverno é, polo tanto, unha das mellores épocas para visitar a zona norte da provincia de Pontevedra. O mes do cocido achega este prato a miles de comensais, que a diario acoden á capital dezá e aos seus numerosos restaurantes. Pero ademais, esta festividade chega sempre acompañada dun amplo programa lúdico e cultural no que destacan as actividades etnográficas, musicais ou artísticas, coma o Cocido das Artes, e que inclúe tamén actuacións solidarias. A festa, durante a que se instalan os tradicionais postos de venda de carnes e verduras no Campo da Feira Vella, ten na matanza do porco outro dos seus focos de atracción. Este labor ancestral, que se realizaba en case todas as casas do rural galego ata hai relativamente pouco, faise agora cada ano nunha parroquia diferente e vai acompañado da degustación dos produtos tradicionais da matanza do porco.

 

Antesala sempre das festas do Entroido, a Feira do Cocido de Lalín e as semanas de actividades previas a esta son un momento idóneo para coñecer toda a comarca. Integrada tamén polos municipios de Silleda, Agolada, Rodeiro, Dozón e Vila de Cruces, Deza ofrece un conxunto de paraxes únicas: a fervenza do río Toxa, o mosteiro de Carboeiro, os pendellos de Agolada, a serra do Candán, as illas de Gres ou o pazo de Liñares son lugares que sempre convencen a quen os visita.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Interior Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos