Devoción e chuvia de cor na vila mariñeira de Bouzas

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur   

Presenciar os famosos fogos de Bouzas é un dos grandes clásicos das festas do verán en Vigo. A noite do terceiro domingo de xullo decenas de miles de persoas alzan a vista ao ceo da vila, corazón mariñeiro por excelencia da cidade, para asistir a un dos espectáculos pirotécnicos máis importantes de Galicia. A chuvia de cores constitúe un dos momentos cume da Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos, declarada de Interese Turístico de Galicia en 2004.

Durante cinco días Bouzas mergúllase de cheo nas súas festas cun variado programa que inclúe procesións relixiosas, o impresionante espectáculo pirotécnico, actuacións musicais, homenaxe ás persoas maiores, desfile de cabezudos, actividades e concursos para todas as idades, e competicións de faluchos, as tradicionais embarcacións que no pasado asistían os barcos fondeados na vila.

A procesión, coa imaxe portada por membros da Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, sae o domingo ao caer o sol da igrexa de San Miguel, unha das máis fermosas da cidade pola súa arquitectura, localización á beira do mar e o seu cruceiro, que se cre que marca a orixe da vila. Os primeiros testemuños da celebración, entón organizada polo Gremio de Mar a través das confrarías, datan de 1861. Miles de persoas acoden á marcha da imaxe relixiosa, á que sucede a gran tirada de fogos.

O espectáculo pirotécnico, coa imaxe do Cristo presente no atrio da igrexa, combina, durante media hora, diferentes estilos musicais e poesía mentres o ceo se tingue de cores. A tirada de foguetes, denominada Festival Poético Piro-Musical Cidade de Vigo-Vila de Bouzas, pódese ver desde calquera punto da ría e tamén a bordo de embarcacións.

Os estudosos sitúan a orixe da festa e os fogos de Bouzas hai 400 anos, nunha traxedia marítima na que naufragou un barco preto da vila. As veciñas e veciños sacaron a imaxe do Santo Cristo en procesión e levárona polas estreitas rúas coas luminarias da época para darlles sinais aos desamparados mariñeiros e guialos a terra.

O espectáculo pirotécnico, visible desde calquera punto da ría, inclúe poesía e música de diferentes estilos

A procesión e a tirada constitúen o punto álxido de cinco días de festa, que comeza o venres previo coa lectura do pregón. A sede de Zona Franca acolle esa mesma xornada a cerimonia do nomeamento das donas e cabaleiros de Bouzas, que premia as persoas que destacaron na defensa do patrimonio e das tradicións da vila.

Campionato Mundial de Faluchos

Un dos actos máis entrañables das festas é a homenaxe ás persoas maiores, que ten lugar desde hai 50 anos. Entre as atraccións, ademais dos pasacalles que inundan de música a vila, sobresae o Campionato Mundial de Faluchos. Na década dos 50 do século pasado xa se realizaban competicións destas embarcacións, pero a tradición perdeuse e non foi recuperada ata 1991. A homenaxe ás persoas maiores e o torneo, do mesmo xeito que outras actividades, desenvólvense o sábado.

O domingo é o día grande coa misa solemne, a procesión, a tirada e unha infinidade de actividades; pero a festa segue. O luns festéxanse as procesións da Virxe do Carme e San Telmo, ambos patróns do mar. Decenas de embarcacións acompañan a Virxe en procesión marítima; a imaxe de San Telmo espéraa ao seu regreso á praia para continuar as e os devotos a marcha por terra.

Os actos pechan un día despois coa procesión da Pesca Milagrosa, na que se porta unha imaxe de San Pedro Pescador que data de 1942.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur