O millo corvo, mazarocas que falan de tradición

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Sur   
Meiro, en Bueu , acolle unha nova edición desta Festa de Interese Turístico de Galicia

A cor negra é o seu sinal de identidade. De aí o seu nome: millo corvo. Un nome, á súa vez, ligado a outros dous: o de Bueu, onde ten lugar a súa festa; e o da Asociación Cultural Meiro, encargada de poñer en valor as bondades deste manxar nunha celebración que xa viu recoñecido o seu interese turístico. Este millo, distinto polo seu gran de cor escura, ten este ano os seus días grandes entre o 31 de marzo e o 2 de abril, cando ten lugar a XIX Edición do Encontro-Degustación do Millo Corvo, que suma á degustación deste millo a presentación doutros produtos artesáns e ecolóxicos.

Estas peculiares mazarocas proveñen das sementadas orixinariamente nestas terras do Morrazo. Os primeiros testemuños do cultivo de millo atópanse no século XVII. Co tempo, a colleita do millo corvo pasou de facerse en zonas de bosque e naquelas nas que se necesitaba unha variedade que actuase como protectora das demais a practicamente desaparecer, substituída por outras especies.

Así, no Morrazo tívose que levar a cabo un proceso de recuperación desta especie. Ocorreu en 1998. Case extinto, buscáronse os grans e as técnicas de cultivo máis apropiadas ata lograr que nas leiras de millo volvesen despuntar os tons escuros. Percorréronse as aldeas do Morrazo e preguntóuselles ás veciñas e veciños, especialmente aos de maior idade. Na actualidade, esta festa, de interese turístico de Galicia desde 2009, proponlles ás e aos visitantes todo tipo de actividades históricas, etnográficas e gastronómicas coa chegada da primavera. Deste xeito, é posible visitar os muíños para observar o proceso da moedura do millo, gozar de actuacións musicais de grupos desta terra, saborear a queimada mentres se escoita o seu esconxuro ou probar elaboracións moi diferentes con este produto como base. Destaca especialmente o pan cociñado coa fariña deste millo, que tamén se distingue polo seu ton escuro. Empanadas ou tortas son outros manxares que chegan ás mesas de Meiro. E, unha vez máis, o millo corvo demostra que casa ben con galletas, noces, améndoas ou froitas.

Entre os puntos neurálxicos deste evento encóntranse ademais os muíños do Canudo e da Presa, onde cada ano se moe o millo. Este último, orixinario do ano 1800 e restaurado en 1996, foi precisamente o que lle deu un pulo a este certame. De planta baixa, nel recóllese de modo directo a auga do río mediante unha canle de pedra que permite a moedura do millo.

O proceso de obtención do millo corvo segue hoxe as instrucións aprendidas durante séculos: en Bueu téntase que todo o procedemento sexa o máis natural e artesanal posible, como era para as xeracións pasadas. Deste xeito, tanto a sementeira como a colleita, a recollida e a conservación do gran están marcados polas formas e técnicas de sempre, o que lles concede un sabor único aos pratos que cada ano centos de visitantes se achegan a probar á aldea de Meiro.

Bueu festexa así desde a plantación e o cultivo ata a elaboración de diferentes pratos do millo corvo, unha especie que no seu día serviu de barreira natural entre o bosque e o propio millo branco, afastando os depredadores, e que hoxe é a gran protagonista. Coa súa recuperación, Meiro volve ao pasado cada vez que ten lugar unha das actividades propias da colleita, favorecendo ao mesmo tempo o respecto e a posta en valor da contorna. Deste xeito, ademais do millo corvo, expóñense neste encontro outras variedades tradicionais coma o millo branco ou o vermello.

Slow Food e a defensa da alimentación tradicional

Foi no ano 2006 cando a organización Slow Food, defensora dos principios da alimentación tradicional e respectuosa co medio, incluíu o millo corvo no seu prestixioso catálogo
"Arca do gusto". Daquela era un dos poucos produtos españois incorporados a esta lista grazas ao labor de quen impulsou a súa recuperación.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos