Cabecera experiencia

O top 10 dos cogomelos comestibles de Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur Icono Interior Norte Interior Norte Icono Interior Sur Interior Sur
Níscalos, cantarelas, zarrotas… Presentámosche a lista dos cogomelos comestibles máis frecuentes nos montes da provincia de Pontevedra

Nos montes da provincia crece unha gran diversidade de cogomelos e pódense atopar variedades comestibles case en calquera lugar. Con todo, existen zonas de recollida consideradas clásicas, que pasaron a formar parte dos lugares imprescindibles para os buscadores de cogomelos debido á súa alta produción micolóxica e á súa accesibilidade.

Entre os montes máis visitados temos, por exemplo, O Vixiador en Candeán e os montes dos arredores da Universidade de Vigo, na zona de Vigo; a contorna do lago Castiñeiras, no Morrazo; o monte Castrove, entre Meis e Poio; os piñeirais costeiros da comarca do Salnés (Sanxenxo, O Grove e A Illa de Arousa) e, no interior da provincia, as ribeiras do Ulla e as carballeiras e sotos de Lalín, Silleda e Forcarei.

Entre as especies comestibles máis recollidas, presentámosche por orde alfabética o top 10 dos cogomelos, que gañaron o seu posto tanto pola súa calidade coma polo seu fácil recoñecemento. Todas elas teñen aplicacións culinarias e constitúen un manxar para as e os amantes dos cogomelos.

Top 10 dos cogomelos comestibles

Agaricus campestris

 

1. Agaricus campestris

Tamén coñecido como champiñón silvestre ou fungo dous lameiros, en galego. É un cogomelo de pequeno tamaño e cor branca. Crece tanto na primavera coma no outono en prados e xardíns ricos e ben fertilizados.

 

 

Boletus

 

2. Boletus do grupo edulis

Neste grupo inclúense catro especies comestibles moi semellantes, Boletus edulis, Boletus aestivalis, Boletus pinophilus e Boletus aereus. Son de cor marrón e adoitan crecer en bosques de frondosas ou coníferas. En galego tamén reciben o nome de andoas.

 

 

Cantharellus cibarius y Cantharellus pallens

 

3. Cantharellus cibarius e Cantharellus pallens

Trátase de dúas especies moi semellantes. Nas Rías Baixas coñécense co nome popular de cantarelas e a súa forma parécese á dunha trompeta. A cor depende das características do terreo onde crecen, aínda que adoita variar entre o amarelo esbrancuxado ou o laranxa. 

 

 

Coprinus comatus

 

 

4. Coprinus comatus

Tamén coñecido na provincia como chipirón de monte, pola súa forma. Ten un chapeu alongado moi característico e crece en prados, xardíns e herbais.

 

 

 

Craterellus tubaeformis

 

5. Craterellus tubaeformis

Nas Rías Baixas denomínase angula de monte, xa que ao cociñalo o pé do cogomelo lembra a este peixe. Frutifica en bosques caducifolios, piñeirais e eucaliptais, ben entrado o outono, cando baixan as temperaturas.

 

 

 

Hydnum repandum

 

6. Hydnum repandum

Tamén coñecido como lingua de gato ou lingua de vaca, é un cogomelo tardío que, do mesmo xeito que o anterior, sae ben avanzado o outono, a partir de novembro. É de cor crema e podémolo atopar en bosques de frondosas, coníferas e eucaliptais. 

 

 

Lactarius deliciosus

 

7. Lactarius deliciosus

Chamado níscaro e nalgunhas zonas de Galicia fungo da muña. É un cogomelo moi apreciado en gastronomía e, de feito, moitas persoas só se centran nesta especie. Frutifica en piñeirais e posúe unha cor e un látex alaranxado moi característico. 

 

 

Maxrolepiota procera

 

8. Macrolepiota procera

É coñecido como zarrota, monxo ou choupín. Distínguese por ser alto e esvelto e o seu chapeu pode alcanzar 40 cm de diámetro. Medra en bosques iluminados, prados e solos ben fertilizados. 

 

 

Neoboletus erythropus

 

9. Neoboletus erythropus

Antes era coñecido como Boletus erythropus. É un cogomelo de tipo boleto, con chapeu marrón, poros vermellos e carne amarela que azula ao contacto co aire. O seu hábitat son os bosques de frondosas e coníferas.

 

 

Tricholoma portentosum

 

10. Tricholoma portentosum

Coñecido como tortullo, é un cogomelo de chapeu gris e pé esbrancuxado con tonalidades de amarelo pálido. Crece en piñeirais cando chega o frío, a partir do mes de novembro.

 

 

Desta lista poderiamos reducir a cinco as especies de cogomelos máis recollidos polas pontevedresas e pontevedreses: os boletos, as cantarelas, a lingua de gato, o níscaro e a zarrota. Ademais, hai outras especies moi buscadas pola súa gran calidade comestible pero pouco frecuentes na zona: a amanita dos Césares (Amanita caesarea), o cogomelo de San Xurxo (Calocybe gambosa) e a trompeta dos mortos (Craterellus cornucopioides).

 

Unha actividade en voga

Paseando entre cogomelos

A procura de cogomelos silvestres é unha actividade que conta cada vez con máis persoas adeptas, non só polo pracer culinario de degustar o produto recollido, senón pola experiencia global que supón saír ao monte no outono, en compañía de familiares ou amizades.

En realidade, na provincia de Pontevedra trátase dun pasatempo relativamente recente cuxa tradición non vai máis aló dos anos 70. As fillas e fillos dos primeiros recolectores constitúen agora a segunda xeración de buscadores de cogomelos e son eles os que fixeron un esforzo por divulgar os praceres da micoloxía entre o gran público.

Na actualidade existen nas principais localidades das Rías Baixas diversos colectivos dedicados a ensinar e promover o mundo dos cogomelos, como é o caso de Brincabois, en Pontevedra; Liboreiro, en Bueu; A Cantarela, en Vilagarcía de Arousa; A Zarrota, en Vigo, e A Estrada Micolóxica. Estas asociacións organizan xornadas de degustación, obradoiros, ciclos de conferencias, exposicións de cogomelos e saídas ao monte, entre outras actividades.

 

Información elaborada coa colaboración de Jaime B. Blanco Dios, da Asociación Brincabois de Pontevedra

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur