Cabecera experiencia

A Feira Franca devolve Pontevedra á Idade Media

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte
Cada ano, na primeira semana de setembro, Pontevedra volve á Idade Media para lembrar o privilexio concedido polo rei Henrique IV de Castela á cidade, o que lle permitiu instaurar un mercado libre de impostos durante un mes. A Feira Franca recrea este feito histórico coa participación de miles de persoas vestidas de época.

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a Feira Franca despide as vacacións de verán en Pontevedra cunha viaxe ao século XIV á que se entregan con pracer as pontevedresas e pontevedreses. Durante dous días, artesáns, ferreiros, carpinteiros, xograres e cabaleiros volven habitar as rúas do centro histórico da cidade, que se cobren de palla e outros aderezos de época.

A programación inclúe representacións de oficios tradicionais, entre as que destaca a recreación do transporte do viño sobre bois, que parte de Santa Clara e percorre o centro histórico de Pontevedra ata chegar á praza da Peregrina. Tamén se celebran torneos medievais a cabalo e espectáculos para todas as idades nos que é posible atopar figuras mitolóxicas coma dragóns e trasgos.

Os postos dos mercados de artesanía e alimentación distribúense polas prazas da cidade, e as veciñas e veciños, previo permiso municipal, celebran nas rúas banquetes ao redor de grandes mesas decoradas por eles mesmos.

Non só as pontevedresas e pontevedreses participan masivamente na Feira Franca engalanados cos seus traxes medievais; tamén o fan os miles de visitantes que acoden cada ano para gozar do espectáculo.

Web oficial: http://feirafranca.pontevedra.gal

Unha cidade monumental

A celebración da Feira Franca constitúe unha oportunidade única para descubrir o conxunto histórico de Pontevedra, encadrado dentro do antigo recinto amurallado. A zona antiga hai que descubrila camiñando, poñendo atención no nome das rúas e nos singulares espazos entre casas populares e de avoengo. Son numerosas as prazas, entre as que destacan A Ferrería, A Leña, O Teucro e A Verdura, onde están tres dos edificios que albergan o Museo de Pontevedra. Preto atópanse o convento de Santa Clara e as igrexas de San Bartolomeu, San Francisco e A Peregrina, relacionada co Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Outro dos principais monumentos da cidade son as Ruínas de San Domingos, cuxo esqueleto externo acolle algunhas pezas arqueolóxicas. Moi preto atópase a basílica de Santa María a Maior, da que destaca a fachada plateresca de excelente talla, mandada construír polo Gremio de Mareantes no século XV.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos