Cabecera experiencia

A Festa da Auga volve a Vilagarcía de Arousa baixo o clamor dun ano caloroso na semana de San Roque

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte

Vai camiño de ser a tempada máis calorosa desde que existen estatísticas; parece que volvésemos a 1982, cando os fregueses de Vilagarcía suplicaron auga exhaustos pola calor, tras devolver o San Roque á súa capela. Xa fose por compaixón ou broma, alguén na veciñanza verteu auga sobre os presentes e, sen sabelo, desencadeou o que hoxe é unha das festas máis populares a nivel estatal. Non en balde foi denominada Festa de Interese Nacional, con réplicas coma a Batalla Naval de Vallecas, cuxa Confraría Mariñeira se irmandou co Concello de Vilagarcía de Arousa.

Tras tantos anos celebrándoa, estableceuse unha destacada organización: as rúas están delimitadas e sinalizadas e, ademais da protección correspondente, os bombeiros achegan as súas mangueiras de auga para acougar a sede dos máis de 20.000 participantes que asisten cada tempada.

Todo a partir das 12 h de cada 16 de agosto, tras deixar a San Roque na capela despois de levalo en procesión desde a igrexa parroquial de Santa Eulalia. Unha vez entra, realízase a lectura do pregón e as rúas convértense nunha ducha colectiva.

Este evento é o punto forte de 10 días de celebración na localidade, do 11 ao 20 de agosto, onde se dan cita, ademais da romaría, feira, concertos e boa gastronomía. No musical prometeuse variedade para todos os públicos: rock, pop e folk. Rosendo está confirmado nesta edición para o luns 14, ás 23 h, no parque da Xunqueira. Para o día posterior á Festa da Auga espérase a actuación de Roi Casal na súa xira Son Galego, Son Cubano, sen esquecer a gran festa denominada Véspera da Festa da Auga, a noite anterior, con concertos e música.

No ámbito relixioso existe tamén a procesión de San Roque o Pequeno, que xa conta con máis de 100 anos de tradición. Ten lugar a véspera da Festa da Auga no propio barrio de San Roque e organízaa a veciñanza, tras desprazar a festa oficial á alameda e ao peirao. Durante a procesión vespertina, ás 20 h, trasládase o santo á igrexa parroquial. As persoas que o portan levan traxe branco e faixa vermella e van acompañadas do cura e as autoridades.

E, coma toda boa festa en Galicia, esta vai acompañada da súa exaltación gastronómica, neste caso a ameixa de Carril. Celébrase desde 1992 e degústanse máis de 2.000 quilos de ameixas á mariñeira. O peche das festas patronais póñeno o combate naval e o desfile de carrozas. O primeiro é un dos espectáculos pirotécnicos máis importantes da provincia de Pontevedra, mentres que o segundo consiste nun desfile de charangas, grupos de animación e pasacalles con música tradicional. Atraccións, verbenas, concertos, actividades deportivas e salóns gastronómicos completan os días grandes de Vilagarcía de Arousa nunha perfecta simbiose entre relixión e lecer.

Para os que desexen empaparse recoméndase asistir con vestimenta lixeira coma sandalias e traxe de baño e, se é posible, algunha roupa para cambiarse posteriormente, ademais de pór a recado calquera dispositivo electrónico susceptible de danarse coa auga.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos