A Reconquista de Vigo: da batalla á festa

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Sur   

Pescadoras e pescadores, campesiñas e campesiños, artesás e artesáns, soldados e outros personaxes da época percorren o barrio histórico de Vigo durante a primeira fin de semana despois de cada 28 de marzo. A cidade mergúllase na Festa da Reconquista, que rememora a expulsión do exército francés a mans do pobo hai dous séculos.

Vigo regresa a marzo de 1809 durante a fin de semana da Reconquista, pero o asedio armado daquelas datas é hoxe unha festa multitudinaria. A zona vella da cidade, que tras a xesta recibiu o título de "fiel, leal e valerosa", convértese nun enorme mercado ao aire libre polo que transitan centos de personaxes vestidos de época. O espírito daquela fazaña impregna o ambiente mentres miles de persoas se divirten nos postos de rúa, bares, restaurantes, taperías e terrazas.

A Reconquista é un capítulo que marcou profundamente a identidade de Vigo, aínda que a festa, impulsada pola Asociación de Veciños do Casco Vello, naceu hai apenas dúas décadas. Neste tempo converteuse nun evento imprescindible no calendario grazas á implicación de todas as veciñas e veciños, á participación masiva na recreación dos acontecementos históricos e ao animado ambiente no barrio antigo, que ademais vive un momento de auxe tras unha intensa rehabilitación urbanística nos últimos dez anos.

A festa recrea a expulsión do exército de Napoleón durante a guerra da Independencia. Os soldados galos tomaran a praza o 31 de xaneiro, e esta quedou esta baixo o mando do comandante Chalot. O espírito da Reconquista prendeu axiña en Vigo e, só 57 días despois, o asedio da vila amurallada chegou á súa fin grazas á intensa mobilización do pobo vigués. Personaxes como Cachamuíña, Carolo, Aurora, o daquela alcalde, Vázquez Varela, ou o capitán Almeida son moi queridos polas viguesas e vigueses, que cada ano se implican nos festexos para rememorar aquela vitoria.

Medio milleiro de persoas participan na escenificación histórica, que arrinca o sábado da Reconquista coa destitución da Corporación municipal na praza do Berbés e péchase o domingo coa representación na Porta do Sol, un verdadeiro espectáculo en movemento desde o inicio na porta da Gamboa ata a expulsión definitiva do exército francés na zona do Náutico.

Ambiente de época

A teatralización é o momento cume da Reconquista pero durante toda a fin de semana o barrio está inmerso na festa e o ambiente da época, con máis de 250 postos de produtos gastronómicos e de artesanía. A demostración de valentía do pobo, que deu a súa vida por liberar a cidade converteuse nun acontecemento lúdico que en 2012 foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.

A fin de semana seguinte, ademais, continúan as celebracións coa Festa da Brincadeira de Bouzas, tamén con mercado e demostracións de artesanía na vila, que naquel momento era independente de Vigo e tivo un papel importante na expulsión do exército de Napoleón.

O 28 de marzo é festivo en Vigo desde 1810, e nas décadas seguintes tiña lugar nesa mesma data a procesión do Cristo da Vitoria, verdadeiro símbolo da cidade. Posteriormente a marcha relixiosa foi trasladada a xuño e en 1900 pasou a instaurarse o primeiro domingo de agosto, día no que se mantén na actualidade.

En marzo é tempo da Reconquista en Vigo… e moita festa.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos