A segunda festa gastronómica de Galicia, en Salvaterra de Miño

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Interior Sur   
A Festa do Viño do Condado de Tea, unha celebración con denominación de orixe, volve a finais de agosto como a segunda festa gastronómica máis lonxeva de Galicia na súa LVIII edición

En Galicia todas as localidades poden presumir dalgunha celebración, e en Salvaterra de Miño non só o fan senón que están orgullosas e orgullosos de que, ademais, sexa a segunda festa gastronómica máis lonxeva de Galicia. Só a supera a Festa do Viño de Cambados, que en setembro conmemorará a súa declaración como Cidade Europea do Viño 2017.

Como bo preludio, Salvaterra de Miño quentará os padais a finais de agosto con outro dos viños con Denominación de Orixe Rías Baixas, neste caso o do Condado de Tea. Quizais polo bo viño, Portugal fíxose coa cidade entre 1643 e 1659, ano no que foi recuperada e devolta a Galicia. Exactamente 300 anos despois, en 1959, volvía desde as Américas o futuro alcalde da vila para crear o que hoxe coñecemos como a Festa do Viño do Condado de Tea.

Historia e viño

Foi a Irmandade de Labradores e Gandería de San Lorenzo de Salvaterra de Miño quen creou o Concurso-Certame de Viños do Condado de Tea, unha celebración para catar a produción dos pequenos viñateiros das parroquias adxacentes, que se acompañaba cunha cea de produtos locais. A mediados dos 70 completouse con actos culturais e institucionais e abriuse a todo o público unha comida de carácter popular.

En 1980 comezouse a fraguar o albariño como denominación específica, e foi en 1988 cando se formalizaron as primeiras denominacións das Rías Baixas para cumprir coas directivas europeas, entre as que se atopaban a do Condado de Tea, a do Val do Salnés e a do Rosal. Posteriormente sumáronse as de Soutomaior e Ribeira de Ulla.

Esta subrexión das Rías Baixas está marcada polos vales do Miño e do Tea. A súa uva é unha mestura de albariño con treixadura (nun 70 % como mínimo), de procedencia local na súa totalidade.

A festa

O festexo oficial comezará o venres 25 na fortaleza, ás 20 h, e durará ata o domingo 27, pero xa desde o mércores se poderán realizar catas no castelo de Dona Urraca, sempre coa previa inscrición no Concello debido ao aumento de demanda e interese polo evento.

A cata do sábado, ás 11 h, estará dirixida a localizar os viños máis deliciosos do ano, como o seu propio nome indica: Cata Oficial á Procura dos Deliciosos. O día continuará con música e gastronomía e acabará cos concertos de Xulio Lorenzo e Luar na Lubre a partir das 23 h.

O domingo pola mañá presentaranse as distintas confrarías do viño no Concello e posteriormente nomearanse os galardoados do concurso do día anterior. Finalizarase co pregón e darase paso á música das orquestras, á comida e ao viño. Os concertos de Met e Like a Version clausurarán a festa a partir das 19:30 h, co que se pechará un verán cheo de celebracións na capital do viño do Condado de Tea, incluída desde 2016 dentro das Festas de Interese Turístico de Galicia.

Para ver e percorrer

Quen, ademais de catar estes deliciosos caldos, desexe facer algún percorrido polos arredores, sempre pode achegarse á Senda Fluvial do Miño, un paseo de 2 km ata a illa Fillaboa. Un pouco máis arriba da illa atópanse a ponte medieval e o pazo de Fillaboa. Para quen visite por primeira vez o sur de Pontevedra é recomendable un paseo pola ribeira do Miño ata Tui, a apenas 25 minutos, onde poderá achegarse ao belo Parque Natural do Monte Aloia, e se aínda lle queda tempo, 30 minutos máis ao sur, poderá gozar das fermosas vistas do monte Trega, o castro, o museo e o estuario do Miño xunto a Portugal.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Interior Sur