Lamprea: vampiro na auga, manxar na mesa

Buscador
Un dos peixes máis primitivos da Terra asuca as augas do río Miño desde o océano para desovar e morrer. O seu corpo xelatinoso e a súa peculiar boca circular en forma de ventosa poderían levar a engano sobre o seu sabor, pero a lamprea é un prezado manxar ao que a localidade pontevedresa de Arbo leva desde 1961 rendendo homenaxe, a finais do mes de abril. A festa foi declarada o ano pasado de Interese Turístico Nacional.

Miles de lendas circulan sobre esta reliquia gastronómica, que xa existía hai 500 millóns de anos. Nace no río, migra ao mar —onde habita a grandes profundidades— e remonta o curso fluvial ao final da súa vida. O Miño, nos 30 quilómetros entre Crecente e Salvaterra de Miño, está balizado por ata 400 pesqueiras, antigos muros de pedras cos que os pescadores capturan a este vampiro da auga sen mandíbulas que se alimenta do sangue doutros peixes a través da súa boca de ventosa.

Arbo recibe 30.000 comensais a finais de abril para exaltar este pescado tan pouco agraciado como exquisito. A festa vai xa pola súa 57.ª edición e nela sérvense 600 quilos de lamprea en 5.000 racións. Os exemplares péscanse de forma artesanal e un distintivo permite coñecer a data da captura e o nome da pescadora ou pescador. Nos últimos anos recuperáronse as receitas tradicionais, a principal forma de cociñala é á arbense, en cazola de barro guisada no seu propio sangue con arroz branco e pan tostado. Pero hai moitas máis: seca, rechea, á brasa, con tirabeques, en empanada, con arroz, con ensalada rusa...

O escritor Álvaro Cunqueiro, unha autoridade na gastronomía galega, mostra na súa obra Viaxes y yantares por Galicia un auténtico tratado sobre este peixe con todas as formas de preparación posibles. O intelectual mindoniense sostiña que unha das imaxes do Pórtico da Gloria está comendo un cacho de empanada de lamprea.

Entre os grandes eventos gastronómicos populares de Galicia só a Festa do Albariño, de Cambados, e a do Viño do Condado, de Salvaterra de Miño, son máis antigas que a Festa da Lamprea de Arbo. No seu nacemento tivo un especial protagonismo Alfonso Vázquez Martínez, ex-director do instituto de bacharelato de Ourense, a quen corresponde, en parte, a iniciativa de impulsar o primeiro Día da Lamprea, en abril de 1961, que viña acompañado dun concurso literario. Nos seus inicios a festa consistía nunha comida oficial organizada polo Concello nun restaurante local e a lamprea servíase acompañada de zamborca e de cabrito estilo San Fins. Os viños do Condado regaban as viandas e ao final bailábase a danza do libramento.

A lamprea é un animal case anfibio, moi valorado outrora pola súa capacidade de aguantar viva fóra da auga unha semana. Este prehistórico peixe consumíase xa nun vasto territorio ao comezo da cristiandade. Os monxes, en época de coresma, abstíñanse de comela porque ao ser cartilaxinosa considerábana equiparable á carne.

Arbo gañou a pulso ser a capital histórica deste manxar. Alí foi adquirindo popularidade a súa preparación, xa que tras a subida do río Miño o animal chega en perfectas condicións para a súa degustación.

A partir dos 90 incorporouse a exposición vitivinícola Arbomostra, e en 1996 empezou a celebrarse a Festa da Lamprea Seca o primeiro fin de semana de xullo, que organizan os restaurantes do municipio e compleméntase cun interesante programa cultural e actividades. O prato forte pódese degustar tamén en distintas preparacións, acompañado por viños da comarca, da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Interior Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos