Madamas e galáns acaparan as miradas no Entroido de Cobres

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Costa Sur   

Unha das portas de entrada á península do Morrazo, o concello de Vilaboa, é escenario nos primeiros meses do ano da única festividade de Entroido da zona sur da provincia recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia: o Entroido de Cobres. Esta tradición percorre, ano tras ano, as parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán.

A implicación veciñal e a alta participación son trazos de identidade deste Entroido, representado por madamas e galáns. Edición tras edición, desde o sábado ata o martes, estes personaxes enchen de colorido e ritmo as mencionadas parroquias de Vilaboa. Fano interpretando a coñecida como Danza dos Cobres, que, porta a porta, anima cada fogar.

Transmitida de xeración en xeración, esta manifestación atopa a súa orixe a comezos do século XVIII. Se por algo destaca é polo vistoso do espectáculo que ofrece e pola ausencia de máscaras ou antefaces propios doutros folclores. Así, cintas, elementos ornamentais e os recoñecidos chapeus artesanais compoñen a carta de presentación do Entroido de Cobres. Nel prodúcese unha representación das distintas clases sociais que se marca fundamentalmente na vestimenta.

Deste xeito, no caso dos personaxes coñecidos como "os de branco", os homes levan unha gorra plana de cor vermella e as mulleres a cabeza descuberta, mentres as aldeás pechan a comitiva como traballadoras de orixe humilde vestidas de distintos oficios. De encabezar o grupo encárganse madamas e galáns, sempre con total pulcritude. As primeiras aparecen engalanadas con saia branca e blusa sobre as que se colocan encaixes, cintas e todo tipo de ornamento. A vestimenta reálzase cun grande e vistoso chapeu, elaborado a man, cuxas cores, brillos e flores convérteno no centro de todas as miradas. As xoias completan a singular roupaxe. Do mesmo xeito que ocorre no caso das madamas, tamén os galáns caracterízanse por unha vestimenta peculiar. Locen chapeu con flores, camisa branca con cintas, pantalón branco e pano.

Un dos momentos máis esperados ten lugar o martes de Entroido: a tradicional Corrida do Galo, na que a xente da localidade participa nunha serie de xogos populares. Ao ritmo da música e o baile, este evento provoca as gargalladas das persoas asistentes, do mesmo xeito que o discurso do predicador, un enigmático personaxe que o critica todo, ou case todo.

Programa 2017 (pdf)

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos