Maxestosos e ben conservados: ruta polos mosteiros da provincia

Buscador

Desde o extremo norte ao sur. De leste a oeste. Ao longo de toda a provincia emerxen eles. Maxestosos. Pétreos. Históricos. Mosteiros que murmuran o seu pasado e que, no presente, se converteron en auténticos centros turísticos. Propoñémosche un percorrido por algúns dos máis representativos (e mellor conservados) de Galicia, todos eles asentados na provincia.

Mosteiro de Carboeiro (Silleda). No seu día a día figuran usos coma o de estudio de cinema ou escenario de proxectos audiovisuais. Reformado hai só uns anos, a súa historia comezou coa súa construción sobre a pequena ermida chamada Éxica. Os seus impulsores, discípulos do mestre Mateo, deixaron o seu sinal na ornamentación do propio mosteiro, que garda similitudes coa da catedral de Santiago.

Na súa contorna, sobre o río Deza, unha ponte de cantería dá paso e atesoura múltiples lendas. Ao mesmo tempo, serve de acceso a Carboeiro, considerado unha das xoias do románico oxival da rexión e hoxe pertencente á diocese de Santiago de Compostela. Hai que volver ao principio, ao seu comezo, para comprender a importancia deste mosteiro. Fundado en 939 polos condes don Gonzalo e dona Teresa, sería destruído a finais do século X. O seu apoxeo sitúase entre os séculos XI e XII. Deste momento é a súa igrexa, composta de tres tramos na nave principal, con ornamentación vexetal nos capiteis das súas columnas encostadas. A súa ábsida de tripla capela, sobre un xigantesco pedestal da cripta, queda gravada na retina.

Mosteiro de Aciveiro (Forcarei). En pleno corazón de Terra de Montes, este antigo mosteiro románico do século XII está hoxe rehabilitado e funciona como complexo hostaleiro. Incorporado ao Císter en 1170, o seu estilo segue as pautas desta orde: as súas dependencias distribúense en torno ao claustro. Na actualidade, ao pór un pé neste enclave de Aciveiro —localidade que creceu arredor do propio mosteiro— experiméntase o cálido que é este monumento declarado Ben de Interese Cultural. En 1842 tivo lugar a súa poxa pública, aínda que  a súa igrexa conserva o uso parroquial.

De planta basilical, este templo está dividido en tres naves e tres ábsidas de estilo románico. No muro norte da edificación atópase a porta dunha antiga fábrica románica composta de dúas series de arcos e columnas. Con ábsidas semicirculares, a fachada da igrexa foi restaurada e caracterízase pola súa sobriedade. Sobre o tímpano sobresae unha imaxe da Virxe e, sobre esta, unha xanela cuadrangular. No interior destaca un falso triforio na nave central, espazo duns 36 metros de lonxitude e 12 de altura. As súas columnas aparecen decoradas con capiteis que reflicten distintas temáticas, mentres no retablo do templo se recrea a Última Cea.

Mosteiro de San Xoán (Poio). A arquitectura relixiosa da provincia ten en Poio outro dos seus referentes, xa que neste municipio limítrofe con Pontevedra se atopa o mosteiro de San Xoán, do que a primeira referencia da que se ten constancia é do ano 942. O complexo está conformado por dous mosteiros: un antigo convento beneditino e un segundo mercedario. Na zona do claustro destacan o estilo renacentista e o barroco, que ornamentan o claustro das Procesións e o claustro das Laranxeiras ou do Cruceiro. Renacemento e barroco danse a man tamén na igrexa, onde hai que pararse ante o retablo do altar maior, a antiga sancristía —que alberga o sepulcro e imaxe de Santa Trahamunda— ou a horta, onde se atopa un dos maiores hórreos de toda Galicia.

Situado na ría de Pontevedra, este espazo alberga ademais un museo, unha biblioteca e distintas exposicións. Pertencente á Orde da Mercé, destaca tamén nel a súa escaleira principal, de estilo barroco. Construída entre 1747 e 1749, elévase grandiosa evitando os soportes existentes nas inmediacións.

Mosteiro de San Salvador (Lérez). De orixe beneditina, consérvanse a escaleira, o patio e unha parte do claustro. Estamos ante unha construción que presenta elementos barrocos e neoclásicos, cuxa orixe se remonta ao século IX. Séculos despois, no XVII, ampliouse para dar lugar ao Colexio de Artes e Filosofía. No XIX os monxes abandonarían o recinto por mor da desamortización de Mendizábal. Na actualidade, a súa igrexa neoclásica con fachada barroca recibe centos de visitantes no mes de xullo, momento no que ten lugar a romaría de San Bieito de Lérez.

Mosteiro de Santa María (A Armenteira). A vexetación, nas proximidades do monte Castrove, forma parte indisoluble do mosteiro da Armenteira. Con orixe nun antigo mosteiro, foi absorbido pola Orde do Císter entre os anos 1149 e 1162.

Da súa arquitectura destaca o claustro do século XVII, con arcos de medio punto e bóveda de crucería. Restaurado nos últimos anos, o conxunto presenta un excelente estado de conservación. A actividade é constante, pois a súa comunidade de monxas cistercienses elabora xabóns con aceites esenciais e plantas aromáticas, ademais de contar cunha pequena hospedería.

Estruturalmente, os contrafortes separan as tres naves, que rematan con ábsidas semicirculares, e a central está reforzada por uns arcos faixóns. A lenda di que un cabaleiro da corte de Afonso VII decidiu construílo, despois de que a Virxe llo pedise nun soño, para redimirse da súa incapacidade de ter fillos coa súa muller.

Mosteiro de Santa María (Oia). O de Oia  é un mosteiro nado co privilexio de atoparse xunto ao mar. Esta edificación beneditina con orixe no século XII está hoxe catalogada como Ben de Interese Turístico. Coa chegada do Císter a Galicia Oia erixiuse como un centro de gran poder na contorna, cuxa influencia chegaba mesmo ao norte de Portugal. Respecto dos seus elementos arquitectónicos, estes obedecen a estilos como o románico, o gótico ou o barroco. Destacan na súa construción a sancristía, o claustro, o piso baixo cos cuartos monacais, a biblioteca, a torre ou a fachada da igrexa.

A súa proximidade ao mar é, como diciamos, o trazo distintivo de Oia. Ningún outro mosteiro da orde do Císter está tan preto del. De feito, a súa pequena cala con vistas ao Atlántico serviu en moitas ocasións como refuxio.

Pero ademais destas seis xoias da arquitectura monástica, pola provincia repártense outras que no seu día acolleron unha actividade mosteiral ou conventual de gran importancia e das que hoxe quedan como testemuñas as súas ruínas ou algúns elementos conservados.

É o caso do mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, do que se conserva a súa igrexa románica, construída en 1166. Con planta de cruz grega e restos prerrománicos, podemos observar os dous últimos tramos das naves laterais, mentres na principal os dous primeiros arcos funcionan a modo de muro. Destacan na porta principal as figuras de catro anxos cos brazos abertos, mentres que no tímpano nos bendí a figura dun Salvador. Declarado Ben de Interese Turístico, foi fundado no século X polo conde don Gonzalo e dona Teresa.

En Cotobade, o mosteiro de Tenorio conserva a igrexa e o claustro antigo. A primeira é orixinaria do século XVI, mentres o segundo ocupa as dependencias da reitoral. As columnas arcadas, a fachada barroca ou o estilo renacentista do seu claustro son motivos polos que visitar este espazo. En Silleda atópase San Pedro de Ansemil, contemporáneo de Carboeiro. Dúas capelas, unha románica e outra gótica, conforman a súa antiga igrexa. Moi preto, San Pedro de Vilanova de Dozón conserva hoxe a igrexa. Fundado no século XII, destaca pola súa sinxeleza.

No centro urbano de Pontevedra o convento de San Francisco dálle forma, na zona da Peregrina e a Ferrería, a unha das imaxes máis características da cidade. A só uns minutos a pé, do mosteiro de San Domingos consérvanse unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas e excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular do convento, fundado sobre 1282. En Tui atópase San Bartolomé de Rebordáns, construído en granito, no que destacan os seus capiteis e pinturas murais. Sede episcopal nos séculos XI e XII, o templo componse de tres naves.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur