Cabecera experiencia

Novas tecnoloxías para recrear o pasado castrexo en Lalín

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte
O centro Castrodeza divulga a cultura, a gastronomía e as lendas da época na comarca con máis xacementos da Idade de Ferro de Galicia

Reconstrucións en 3D dos castros máis representativos de Deza, unha proxección audiovisual sobre os mitos e lendas de Galicia, o receitario da época ao alcance da man e moitas cousas máis: mergullarse na cultura castrexa é fácil e intuitivo en Castrodeza (Lalín), onde as novas tecnoloxías se poñen ao servizo da divulgación do patrimonio.

O bautizado como Castro Tecnolóxico, un edificio vangardista construído polos recoñecidos arquitectos Luis Mansilla e Emilio Tuñón, que tamén alberga a casa do concello de Lalín, abre unha porta ao pasado a través de Castrodeza, unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra para dar a coñecer o patrimonio da época na comarca.

O centro non é un museo ao uso. Quen o visita pode recrear a cultura castrexa a través de recursos multimedia e en formato audiovisual. O salto ao pasado permite vivir en primeira persoa o día a día das antigas e antigos habitantes dos castros para coñecer o seu modo de subsistencia, a súa gastronomía e os seus mitos e lendas.

A exposición divídese en catro salas temáticas circulares. A primeira delas localiza todos os castros da comarca de Deza, que presume de contar co maior número de xacementos da Idade de Ferro por metro cadrado de Galicia, usando tecnoloxía multitáctil para obter a información e visualizar reconstrucións en 3D dos máis representativos. A experiencia permite localizar ademais ríos, camiños, igrexas e ermidas.

A segunda sala ofrece unha espectacular proxección audiovisual que presenta o mundo máxico dos mitos da comarca e doutros puntos de Galicia. Na terceira, en cinco piares, con cadansúa pantalla, relátanse contos e lendas locais narradas polas veciñas e veciños, que mostran como a cultura castrexa segue viva tras o paso dos séculos.

E completa a exposición a sala catro, centrada na gastronomía e cun espazo propio para a Festa do Cocido, un referente culinario dentro e fóra de Galicia. Un vídeo mostra a elaboración deste saboroso prato e dáse a coñecer o receitario castrexo mediante información sobre investigacións recentes, un gran crebacabezas con imaxes e sons que evocan a forma de cociñar da época e códigos QR que amplían os datos e permiten descargar receitas. Quen a visite tamén poderá coñecer o clima, a paisaxe, as festas e os produtos de cada estación na provincia.

Obradoiros creativos

Ademais da súa orixinal exposición, Castrodeza ofrece diferentes actividades que combinan a parte lúdica coa experimental en obradoiros creativos e divertidos nos que se pode elaborar a vestimenta propia dos guerreiros castrexos, observar a transformación da paisaxe, tomar parte en tarefas propias dun laboratorio arqueolóxico e descubrir a gastronomía. A duración destes obradoiros é de 40 minutos e organízanse en grupos de polo menos catro persoas. O centro tamén oferta un programa específico para escolares mediante reserva previa.

Castrodeza deseñouse xunto ao último proxecto de ampliación do Museo de Pontevedra, co que forma o Centro Virtual da Cultura Castrexa (CVCC). O complexo, situado na cidade de Pontevedra, conta con restos arqueolóxicos achados nas escavacións realizadas nos castros da provincia, entre os que se atopan pezas da comarca dezá.

Máis de cen xacementos

A comarca de Deza, dividida nos municipios de Lalín, Agolada, Dozón, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, posúe un extraordinario patrimonio natural, cultural e gastronómico. As súas terras foron habitadas por xentes de diferentes culturas e os vestixios dan fe diso. Os petróglifos de Moimenta, as mámoas de Alperiz ou Refoxos e ata 107 xacementos castrexos catalogados, xunto cun valioso patrimonio románico, son unha mostra da súa riqueza patrimonial.

Na parroquia de San Martiño de Prado (Lalín) está o maxestoso pazo de Liñares, construído a finais do século XVII. Pertenceu aos Taboada, unha das grandes casas fidalgas de Galicia, e foi declarado Ben de Interese Cultural en 2009. Tras a súa rehabilitación, alí funciona desde 2014 o Espazo Liñares como un colector de diversas iniciativas.

Este espazo acolle o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), que opera como unha extensión do Museo de Pontevedra e se encarga do proceso de catalogación e estudo dos numerosos restos da provincia. Xunto con Castrodeza o CXCA divulga a gran riqueza castrexa da comarca de Deza. As persoas que o visitan poden observar o traballo do laboratorio arqueolóxico e coñecer os seus resultados.

Ademais o Espazo Liñares aloxa o Museo Galego da Marioneta, onde ten o seu lugar ideal o mundo máxico dos monicreques. É o único das súas características en Galicia e conta con dúas salas de exposicións e unha interesante biblioteca especializada.

Deza é un paraíso da cultura castrexa e Castrodeza é o lugar perfecto para mergullarse nela a fondo e de maneira intuitiva. Visítao e compróbao.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Interior Norte