Cabecera experiencia

O Grove exerce un ano máis de embaixador internacional do marisco

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte
Dez días de festexos, unha oferta de manxares do mar sen parangón, unha programación cultural que inclúe desde concertos ata escultura en vivo e unha decidida vocación internacional. Así é a Festa do Marisco do Grove, declarada de Interese Turístico Nacional.

A praza do Corgo é un dos centros neurálxicos do Grove. Ao redor deste espazo distribúense o porto pesqueiro e a lonxa, coa súa trasfega diaria, a praza de abastos, a sede do Concello, a oficina de información turística e os festexos e eventos máis relevantes da localidade. Alí tamén se erixe a escultura icónica do Grove, o monumento á familia mariscadora. Esta obra en pedra, do escultor galego Alfonso Vilar Lamelas, representa unha muller, un home e un neno sostendo aparellos do mar a bordo dunha dorna.

Esta imaxe, que conmove os habitantes da península do Grove, foi a elixida para ilustrar en 2017 o cartel da Festa do Marisco, unha das exaltacións gastronómicas máis veteranas de Galicia e, probablemente, unha das máis internacionais. Nela conflúen os dous alicerces económicos da vila: a pesca e o turismo. A fórmula é exitosa, como o testemuñan as súas 54 edicións e as 200.000 persoas visitantes que recibiu de media nos últimos anos.

Cada mes de outubro a praza do Corgo énchese de carpas que desafían as choivas outonais para ofrecer unha suculenta oferta de marisco da ría: ameixas ao limón ou á mariñeira, navallas á prancha, ostras, mexillóns ao vapor ou en vinagreta, berberechos, nécoras, percebes, lumbrigante, polbo á feira e distintas preparacións de empanada. O prato máis popular da festa é o arroz con marisco.

Á festa acoden persoas chegadas de diversos puntos de España, moitas veces en viaxes organizadas para a ocasión, e visitantes estranxeiros. De feito, a Festa do Marisco aspira a obter o recoñecemento de Interese Turístico Internacional e deuse a coñecer en países coma Italia e Francia con diversos eventos promocionais.

Simposio de escultura

A oferta e calidade dos produtos do mar compleméntanse cunha programación cultural na que destacan os showcookings, os concertos e o simposio de escultura ao aire libre, un certame bienal que convida a artistas de todo o mundo a esculpir as súas obras en contacto co público do Grove. As mellores pezas son premiadas e pasan a formar parte do patrimonio municipal. No paseo de Beiramar, que discorre desde a ponte da Illa da Toxa ata O Corgo, pódense ver as obras doutros anos, do mesmo xeito que nos xardíns de Meloxo e en Moreiras.

 

Historia e curiosidades da festa

As orixes da festa remóntanse a 1963. Nas primeiras edicións a celebración concentrábase nunha fin de semana, os postos eran artesanais e construíanse con madeira dos montes da localidade. Para dar a coñecer a súa festa, as e os grovenses situábanse na entrada da península meca e distribuían entre os coches unha bolsiña promocional de camaróns e nécoras.

Nos seus máis de 50 anos de historia, a Festa do Marisco acumulou anécdotas e datos curiosos. Así, a identidade gráfica do evento está representada por unha centola que suxeita entre as súas pinzas unha cunca de viño. Ademais, o acto protocolario da festa é a gala de entrega das Centolas de Ouro, distincións que o Concello lles outorga a persoas e institucións que destaquen pola súa actividade vinculada á localidade. Con todo, a centola é a grande ausente da festa debido a que en outubro se atopa en época de desova e, polo tanto, está en veda.

Nos anos 70 a festa acompañouse dun Festival da Canción do Marisco, que emulaba os que se celebraban daquela en San Remo e Benidorm, e que chegou a alcanzar certa fama.

Concertos 2017

Esta 54 edición celebrarase do 5 ao 15 de outubro e contará con concertos nocturnos dunha quincena de grupos, aos que se suman as actuacións das formacións folclóricas que animarán a festa durante o día.

Os británicos Morcheeba e os estadounidenses The Pains of Being Pure at Heart constitúen a representación internacional dun cartel que tamén conta con destacados grupos do panorama estatal, coma Mikel Erentxun, Los Enemigos, La Habitación Roja e Delafé. Ademais, subirán ao escenario cinco grupos musicais do Grove, entre os que figuran Os Firrás, A Banda do Sequío e Fla-meco.

Todos os concertos serán gratuítos e desenvolveranse baixo carpa.

Que facer no Grove

O municipio ofrece unha ampla e diversa oferta turística que permite gozar de experiencias para todos os gustos. En Punta Moreiras atópanse o Museo da Salga, centro de interese etnográfico que nos descobre o pasado conserveiro da localidade, e o acuario, que conta con especies de auga fría e quente. No monte da Siradella sitúase a Aula da Natureza, dedicada á fauna e flora locais, e tamén o miradoiro de Pedra Cabaleira.

A visita á Illa da Toxa é obrigada, coa súa capela recuberta de cunchas, os balnearios e o parque infantil Aldea dos Grobits. Animádevos a coñecer a artesanía local elaborada con cunchas que se comercializa na illa!

O Grove conta tamén con numerosas praias. Podemos descubrir tanto zonas de cantil coma pequenas calas seguindo o paseo de madeira de Con Negro.

Outra opción é dar un paseo en barco pola ría a bordo das embarcacións que teñen a súa base no Corgo, á beira do recinto da festa.

Máis información

Programación da festa

 

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos