Cabecera experiencia

O Rosal brinda polos seus viños

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur

A afluencia á Feira do Viño do Rosal adóitase calcular en varios miles de persoas. Recentemente esta cita acadou a declaración de Interese Turístico de Galicia e este ano chega á súa XXV edición. Así, este municipio das Rías Baixas homenaxeará os seus viños brancos os días 14,15 e 16 de xullo; estes prodúcense grazas a un saber transmitido de xeración en xeración e o seu prestixio foi recoñecido en numerosas ocasións no ámbito vitivinícola.

En concreto, a festa convértese en todo un tributo aos caldos con Denominación de Orixe Rías Baixas, na que numerosas adegas achegan os seus viños aos visitantes. Durante tres xornadas, ademais de saborear as distintas variedades de viño, O Rosal propón unha festa na que, como en toda a provincia de Pontevedra, a gastronomía goza tamén dun papel destacado. Así, non faltan as tapas variadas, os mariscos das costas galegas ou a tortilla. Os visitantes chegan ao Rosal atraídos pola calidade dos seus viños, e non só desde o resto da provincia, senón tamén desde distintos puntos de España e do país veciño, Portugal.

Respecto á orixe da tradición vitivinícola na zona, crese que os viñedos do Rosal proceden da época romana. Serían despois os monxes do mosteiro de Santa María de Oia os que coidasen unhas plantacións das que hoxe nacen uns viños novos e de sabor afroitado.

Visitas a adegas emblemáticas

Os viños do Rosal pertencen a unha das cinco subzonas da D. O. Rías Baixas, cuxos caldos brancos, especialmente o albariño, son apreciados en todo o mundo. As características climáticas da provincia de Pontevedra, coa súa proximidade ao mar e con tramos baixos de leitos fluviais, temperaturas agradables e choivas ben distribuídas, propician estes viños elegantes e frescos que reciben prestixiosas distincións cada ano.

Algunhas das adegas ofrecen a posibilidade de coñecer o proceso de cultivo, colleita e produción. Adegas Val Miñor , Quinta de Couselo, Terras Gauda, Lagar de Fornelos, Adegas Aldea de Abaixo, Destilería Pazo Valdomiño e Santiago Ruíz destacan entre as máis representativas.

Enoturismo e deporte

Na Feira do Viño do Rosal as adegas e os viñedos constitúen, polo tanto, un auténtico referente do sector enoturístico da provincia. Ademais, edición tras edición, o evento ofrece propostas para toda a familia, como actividades infantís, deportivas ou musicais. Así, coa lectura do pregón e a apertura da feira na praza do Calvario inícianse tres xornadas nas que grupos de música tradicional e de animación nas rúas se dan cita na localidade.

Xunto ao Salnés e O Condado, O Rosal é unha das subzonas integradas na D. O. Rías Baixas . Entre os seus viños, sobresaen o caldo albariño, loureiro e caíño brancos.

Para camiñar

Ademais dos seus viños, O Rosal ofrece múltiples razóns para achegarse a coñecer o municipio. Un exemplo é a ruta polos muíños do Folón e do Picón, declarados Ben de Interese Cultural, ou o sendeiro de pescadores Río Miño-Tamuxe, entre outros recursos.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur