Cabecera experiencia

Outono con nenos: catro parques infantís imprescindibles nas Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur
Decenas de parques infantís amplos, modernos e ben equipados, con tirolinas e orixinais xogos, garanten horas de diversión a nenas e nenos nos catro puntos cardinais das Rías Baixas. Fixámonos en catro que se distinguen por atraer familias que buscan un plan cos seus fillos e que mesmo se converteron en reclamos turísticos.

A Canuda, en Salvaterra de Miño, o Parque dos Sentidos, en Marín, Castrelos, en Vigo, e a Aldea Grobit da Illa da Toxa son únicos e excepcionais. Ningún vos defraudará se levades as e os máis pequenos unha fin de semana deste outono. Todos son gratuítos e quedan na memoria máis alá de pasar unha boa tarde. Contámosvos por que.

A Canuda (Salvaterra de Miño). É o megaparque por excelencia das Rías Baixas. Á beira do río Miño, ao seu paso por Salvaterra, esténdese unha superficie de 200.000 m2 –equivalente a vinte estadios de fútbol– con grandes zonas de xogos e áreas educativas.

O parque infantil é enorme, con fileiras de tobogáns e randeeiras, pasarelas, túneles e unha ampla variedade de xogos (trens, casas, dados, bambáns…). Moi preto do recinto infantil atópase a aula da natureza, con mostras de flores, arbustos, parras con viñedos das Rías Baixas e árbores. Todo identificado para aprender mentres se percorre. Ademais, hai unha exposición de orquídeas e outra de apeiros tradicionais. Ao lado, parrulos e cisnes nadan apraciblemente nun estanque.

A Canuda (Salvaterra de Miño)
A Canuda (Salvaterra de Miño)

Que non vos esquezan as bicis, triciclos e outros xoguetes con rodas: un dos pratos fortes é o circuíto viario, con semáforos incluídos

Non esquezades levar as bicis, triciclos ou outros xoguetes con rodas porque un dos pratos fortes do parque da Canuda é o circuíto viario, que conta mesmo con semáforos sempre activados. Fóra do recinto do parque tamén existe un carril bici para dar un tranquilo paseo pola ribeira do maior río de Galicia.

A xigantesca área recreativa de Salvaterra de Miño conta con zona de mesas con taboleiros de parchís e xadrez, ademais dun estupendo auditorio en forma de anfiteatro. E se o parque está perfectamente equipado, a área biosaudable é un verdadeiro ximnasio ao aire libre para maiores.

Aparcar non será un problema, xa que xunto ao parque hai moito espazo para estacionar. Palco de música, fonte, espazos arborizados… son moitos os detalles destacables do parque da Canuda, pero o mellor é que os descubrades vós mesmos.

Parque dos Sentidos (Marín). Se non o coñecedes, levaredes unha grata sorpresa. Este parque atópase na granxa de Briz, na comarca do Morrazo, na ladeira dun monte tupido polas follas das árbores. A medida que avancedes por escaleiras e sendeiros descubriredes os seus distintos espazos, dedicados aos cinco sentidos.

O parque gustaravos xa desde o momento en que cheguedes ao seu amplo espazo central, con pavimento de madeira, hórreo, randeeiras e o lago no que emerxe o parafuso de Arquímedes, co que se pode xogar e aprender sobre o movemento da auga. Despois, comezaredes a subir para descubrir os seus segredos nun percorrido case máxico por sendas de conto. A granxa de Briz atesoura unha gran riqueza botánica e no outono é un espectáculo coa caída das follas e as cores cobreadas propias da época.

Parque de los Sentidos (Marín)
Parque de los Sentidos (Marín)

Xilófonos, discos con efectos visuais, esculturas de madeira, unha árbore cunha gran cara… o parque é un lugar máxico con sendas de conto

Polos seus recunchos atoparedes as distintas áreas, onde as e os máis pequenos poden practicar experimentando coas súas propias mans: xilófonos que dan unha musicalidade especial á atmosfera, discos en espiral con xogos visuais, orixinais esculturas de madeira, superficies con distintas texturas… e ata o tronco dunha árbore de tres metros de alto cunha sorrinte gran cara esculpida que lle dá vida.

Varios tobogáns salvan distintos niveis do terreo e desde a cima da ladeira baixa o máis grande, conectado a unha atractiva zona de xogos coroada por un muíño de vento.

O parque de Marín compleméntase cun singular auditorio exterior no que predomina o céspede. Un lugar encantador que lembraredes e recomendaredes.

Castrelos (Vigo). Estamos no gran parque urbano de Vigo, un dos máis emblemáticos das Rías Baixas. Castrelos, onde se celebran os coñecidos concertos das festas de verán da cidade, nun anfiteatro eloxiado por artistas internacionais, ten un parque infantil ampliado e renovado hai dous anos, con tirolina e modernos xogos para diferentes idades. Un extenso espazo que no verán, co bo tempo e as vacacións escolares, sempre está animado.

O recinto infantil é o templo das nenas e nenos, pero Castrelos ofrece moito máis. É un parque urbano atravesado polo río Lagares, con fermosos sendeiros para pasear, un lago con parrulos e cisnes, percorridos marcados para deportistas –é un dos lugares preferidos dos runners en Vigo– e magníficas árbores, algunhas delas catalogadas como singulares (unha camelia, un tulipeiro de Virxinia, unha faia e un conxunto de eucaliptos).

Castrelos (Vigo)
Castrelos (Vigo)

A área infantil do maior parque urbano de Vigo foi ampliada e renovada hai dous anos con xogos para todas as idades

A xoia da coroa é o pazo-museo de Quiñones de León, con coleccións pictóricas, arqueolóxicas e decorativas, un versallés xardín francés do século XIX e unha "pradería do té" inglesa. Os xardíns son o lugar que elixen moitas parellas para a súa sesión fotográfica tras contraer matrimonio.

Aldea Grobit (O Grove). Esta aldea situada no medio da Illa da Toxa destaca, sobre todo, pola súa orixinalidade, cor e imaxinación. É un recinto de tamaño medio no que as nenas e nenos quedarán encantados coas vivendas para grobits –personaxes fantásticos, parentes afastados dos hobbits–, escavadas na terra e inspiradas na triloxía O señor dos aneis, de J. R. R. Tolkien, tal e como se mostraban na famosísima versión cinematográfica. En realidade só existen as fachadas, pero a súa reprodución está moi lograda.

A aldea é un espazo circular que conta con orixinais xogos fabricados en madeira de acacia. Unha mesa a escala para uso dos grobits (que segundo a lenda viven baixo terra pero soben de cando en vez), xunto con árbores de cores, dan aínda máis vida á aldea.

Aldea Grobit (O Grove)
Aldea Grobit (O Grove)

As pequenas casas en madeira escavadas na terra evocan as vivendas dos hobbits neste colorista e imaxinativo parque

A illa ten, ademais, outros atractivos, coma o fogar protexido dos burros fariñeiros, que poden verse nada máis cruzar a ponte, e as rutas de sendeirismo por toda a zona. Sobra dicir que esta illa é un punto turístico e termal coñecido a nivel nacional, polo que a visita resulta obrigada. A Aldea Grobit é o argumento perfecto para ir coñecela.

Gozar con...
Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos