Paisaxes de película nas Rías Baixas: os escenarios de "O final do Camiño"

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Interior Norte   
Percorre as paraxes onde se rodou a serie de TVE e TVG, desde os mosteiros de San Lourenzo de Carboeiro e Santa María de Aciveiro ata as Brañas de Xestoso, a fervenza de Escuadro e a praia fluvial de Cira

As paisaxes de Silleda evocan na serie O final do Camiño a Compostela medieval, o escenario da batalla de Uclés (Cuenca) e mesmo o val do Rif marroquí. A Feira Internacional de Galicia, na localidade dezá, serviu de estudio tamén para evocar o Toledo e a Sevilla do século XII. E o mosteiro de Santa María de Aciveiro de Forcarei transfórmase na pequena pantalla no palacio de Châlons en Francia, ademais de acoller o concilio de Husillos (Palencia), no que foi deposto o bispo de Compostela Diego Peláez polo seu apoio ao rei de Galicia fronte a Afonso VI de León.

A provincia de Pontevedra é, xunto co elenco de actores e actrices, a protagonista de O final do Camiño de TVE e TVG, que narra as aventuras de tres irmáns e a súa relación con diversos personaxes históricos. Como pano de fondo da trama está a construción da catedral de Santiago, a finais do século XI. O reparto inclúe coñecidos intérpretes coma Javier Rey, Cristina Castaño, Guillermo Barrientos ou Begoña Maestre, e o destino Rías Baixas é o marco da historia, definida por Maestre como unha sorte de "Xogo de tronos, con amor e aventura".

Os lugares da rodaxe

O equipo de rodaxe instalouse en diversas localizacións de Silleda, Lalín, A Estrada, Vila de Cruces e Forcarei. A Feira Internacional de Galicia viaxou no tempo dez séculos para converterse na Compostela dos anos nos que se construíu a catedral, co seu mercado, ferreiros e personaxes vestidos de época.

O recinto, de 428.000 metros cadrados, con sete pavillóns, sala de conferencias e auditorio entre as súas instalacións, serviu tamén de lugar de aprendizaxe no manexo da espada para os actores e actrices e para o adestramento a cabalo. Ademais instaláronse alí decorados interiores que evocaban o Toledo medieval baixo dominio musulmán e a Sevilla en tempos de Al-Andalus.

O sepulcro de Santiago Apóstolo situouse na ficción na igrexa de San Pedro de Ansemil (Silleda), con orixe nos séculos IX e X, que foi mosteiro de monxas beneditinas. O templo conta con dúas capelas, unha románica de planta basilical con tres naves e outra gótica, dedicada a santa Ana e coñecida como Capela Señorial dos Deza, e alberga en realidade o sarcófago do cabaleiro Diego Gómez de Deza, datado en 1341.

O antigo mosteiro é contemporáneo de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), que se transforma na serie na catedral de Santiago. Este cenobio de Deza, de estilo románico de transición a gótico, representa un dos exemplos máis característicos da arte medieval galega, e de feito está influído polo estilo que empregou o mestre Mateo no monumental templo compostelán no que conclúe a peregrinación xacobea. A orixe do convento de Silleda remóntase ao ano 936, baixo a protección real de Ramiro I de León. A igrexa, con planta de cruz latina e catro naves, data do século XII e é unha das máis vangardistas do seu período. A fachada, cuxa temática son os anciáns da Apocalipse, loce 23 esculturas.

O mosteiro de Carboeiro xa serviu de estudio noutras ocasións. En 1965 rodáronse alí escenas da película Cotolay; en 1973, Flor de Santidad de Valle-Inclán; en 1995, La ley de la frontera; e, en 2006, Quart, baseada esta última na novela de Arturo Pérez-Reverte La piel del tambor. Ademais, Enrique Iglesias gravou alí o videoclip da canción Noche y día, que recibiu máis de 123 millóns de visitas en YouTube .

Outro mosteiro, o de Santa María de Aciveiro (Forcarei), trasládanos na ficción ao palacio de Châlons e ao concilio da Igrexa católica dos reinos de León e Castela, que tivo lugar en Husillos (Palencia) en 1088. O edificio é en realidade un mosteiro medieval cisterciense, fundado en 1135 baixo o reinado de Afonso VII de León, que vertebrou a vida económica e social de Terra de Montes ata a exclaustración pola desamortización de 1842. Está clasificado como Monumento Histórico-Artístico.

As Brañas de Xestoso, tamén en Silleda (en confluencia coa Estrada e Forcarei), son o escenario en O final do Camiño da batalla de Uclés, que enfrontou en 1108 as tropas cristiás de Afonso VI cos almorábides de Ali Ibn Yusuf e da que o exército do rei de León sairía derrotado.

As Brañas abarcan un espazo natural de 1.077 hectáreas de enorme valor, integrado na rede Natura 2000 e clasificado como Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Protección para as Aves. A enorme superficie é un cordal de montes con suaves pendentes e chairas entre as cuncas dos ríos Ulla e Umia. Entre os seus atractivos destacan a ermida de San Sebastián e a Lagoa Sacra.

Das Brañas forma parte a fervenza do río Férveda en Escuadro (Silleda), tamén escenario de O final do Camiño, neste caso evocando os arredores de Compostela. A fermosa fervenza salva unha altura de 17 metros. Nas fragas da contorna hai unha ampla variedade arbórea con acivros, carballos, castiñeiros, salgueiros, alisos e freixos.

Silleda tamén cambia de continente na ficción televisiva para transformarse no Rif (Marrocos), neste caso a través da canteira de Rosende. No mesmo concello a praia fluvial de Cira traslada o espectador á Compostela do século I, cando foi achado o corpo do apóstolo Santiago. O espazo natural atópase na confluencia dos ríos Ulla e Deza e está clasificado como Lugar de Importancia Comunitaria. Ademais de destacar pola súa beleza é ideal para bañarse no verán e conta con servizos coma mesas á sombra, parque biosaudable e aparcadoiro.

Outra das paisaxes que se transforma na serie é o pazo de Donfreán (Lalín), que evoca o poboado de Catoira e o propio Camiño de Santiago. O pazo é unha casa señorial situada na parroquia de Catasós, construída en estilo barroco a mediados do século XVIII. O edificio, con planta en forma de U, componse de tres corpos unidos. A parroquia de Donfreán era unha antiga propiedade da familia dos Taboada, en 1625 pasou aos Gómez Oxea de Albán e posteriormente, por enfrontamentos familiares, aos Montenegro.

A parroquia de Saídres (en Silleda) simula os bosques de Compostela na produción audiovisual, mentres que Patanín (Santeles, A Estrada) tamén se traslada ao século XII para mostrarnos os camiños que levan a Compostela.

A trama e os personaxes de O final do Camiño son ficción, pero as paisaxes son moi reais e están nas Rías Baixas. O mellor para coñecelas é visitalas. Hai moito por ver.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Interior Norte