Cabecera experiencia

Paseos por Cangas: a súa natureza, a súa historia e o seu pasado industrial

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
O Facho, a senda azul á praia de Melide, a invasión dos piratas turcos berberiscos en 1617, relatos de naufraxios contados a pé de costa, grandes personaxes reflectidos no rueiro, e un símbolo industrial: o complexo de Massó. As rutas organizadas polo Concello de Cangas en colaboración coa asociación A Illa dos Ratos combinan os percorridos por unhas paisaxes costeiras espectaculares coa divulgación da historia deste concello do Morrazo.

Dúas horas de percorrido guiado dan para moito en Cangas: gozar de panorámicas abraiantes, aprender sobre a variada fauna e flora na bela paraxe da Costa de Soavela, pisar un monte sacro, coñecer que personaxes lles dan nome ás súas rúas e penetrar na apaixonante historia da emblemática fábrica de Massó, no seu día a maior conserveira de Europa.

O Concello de Cangas e a asociación A Illa dos Ratos promoven dous programas gratuítos, ata o 25 de marzo, que inclúen seis rutas e que tiveron unha acollida espectacular. A primeira fin de semana cubríronse todas as prazas e abriuse unha lista de espera. A oferta é moi variada e de indubidable interese tanto para a veciñanza coma para quen estea de visita. Para participar é necesario inscribirse previamente na oficina de turismo (teléfono 986 392 023); o departamento municipal recomenda facelo coa maior antelación posible ante a alta demanda.

Un dos itinerarios discorre pola ruta de Donón, clasificada como sendeiro azul. A camiñada guiada parte da escultura da Buguina —obra do artista Lito Portela— e chega ata a praia de Melide, paradisíaca e salvaxe, fronte ás illas Cíes, a xoia natural que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Quen participe poderá coñecer durante o traxecto a fauna e a flora desta zona do litoral de Cangas, incluída na rede Natura 2000, con espectaculares cantís, faros —Cabo Home, Punta da Robaleira e Punta de Subrido— e asombrosas panorámicas. A ruta ten 2,5 quilómetros e unha duración de dúas horas, e realizarase os domingos ás once da mañá, ata o 5 de marzo.

Outra das rutas que poden facerse nesta zona é a da subida ao Facho. Durante a camiñada explícase a historia deste monte sacro que durante milenios protexeu as costas do Morrazo e que garda interesantes segredos, en parte desvelados polas escavacións arqueolóxicas. O monte estivo habitado desde o século X a. C., cun poboado na súa ladeira leste, e no século VI a. C. xurdiu alí o castro que subsistiría ata o século I a. C. Posteriormente, no século II da nosa era, levantouse un santuario romano de culto ao deus Lar de Berobriga e no XVIII construíuse o posto de vixilancia costeira con fins militares, do que sobrevive a garita. Desde alí pode gozarse dunha formidable panorámica das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. A ruta, denominada "O Facho: gardián milenario", ten 2,2 quilómetros e a seguinte realizarase o 25 de marzo.

Un dos grandes símbolos de Cangas é o complexo industrial de Massó. A través da ruta "O sentir dun pobo" o Concello e a asociación A Illa dos Ratos explicarán a historia da fábrica conserveira e da baleeira. A factoría construíuse en 1941 e contaba coas últimas tecnoloxías da época, ata o punto de se converter na maior conserveira de Europa e chegar a ter ata 2.000 persoas traballando nela en 1943. A industria Massó patentou unha tecnoloxía propia que se utilizaría a escala internacional. En Punta Balea levantáronse instalacións nas que se procesaron baleas e cachalotes desde os anos 50 do século pasado ata 1985, ano no que se pecharon tras asinar España o acordo internacional que prohibe a explotación comercial dos grandes cetáceos. A fábrica de conservas aínda tería actividade ata 1994, pero os intentos posteriores para reflotala foron en balde. A ruta ten 1,4 quilómetros de percorrido e realizarase o 4 de marzo, tras o éxito da súa primeira edición o 28 de xaneiro.

Preto de Punta Balea arrinca a senda costeira entre Areamilla e Liméns, que marca o rumbo doutro dos itinerarios. Neste marco incomparable, a pé de mar, as persoas que participen terán ocasión de escoitar as interesantes historias que garda a costa de Cangas. As explicacións sobre a natureza combinaranse coas de carácter histórico para tratar temas diversos coma os naufraxios ao redor da Borneira, a flora autóctona, mitos e lendas, as incursións piratas, a formación das Furnas, a puxanza da industria da salgadura e a conserva nos séculos XIX e XX e o sistema de dunas de Liméns, punto no que finaliza o percorrido. Esta ruta ten 7 quilómetros e realizarase o 25 de febreiro.

Este ano é o 400.º aniversario do maior ataque sufrido por Cangas na súa historia, o asalto dos piratas turcos berberiscos á vila o 9 de decembro de 1617, acontecemento sobre o que versa outra das rutas, bautizada como "A defensa da vila". Quen participe nela vivirá en primeira persoa o día a día das xentes da época, nunha localidade puxante grazas á pesca e o comercio. O itinerario desenvolverase pola zona vella e contará con guías que ofrecerán información sobre o poder da igrexa e a colexiata como eixe da vida social de Cangas, e falarán das personaxes daquel tempo, da arquitectura típica mariñeira e da defensa ante o ataque turco, xunto coas súas posteriores consecuencias, entre elas a coñecida historia de María Soliña, condenada por bruxería polo Santo Oficio. Esta ruta ten 1,5 quilómetros e realizarase o 11 de febreiro e o 18 de marzo.

A zona vella é tamén o escenario doutra das rutas, denominada "Rúas con historia". O paseo, co apoio de antigas fotografías, parte do mítico reloxo da alameda vella e detense no Eirado do Costal, onde se explicará a orixe de Cangas como vila mariñeira. As persoas participantes atoparanse con grandes defensores do ensino público, escritores (desde trobadores medievais ata outros aínda vivos), presidentes do Goberno e importantes mariños galegos. Este itinerario ten 2 quilómetros e realizarase o 18 de febreiro e o 11 de marzo.

Cangas conta con lugares paradisíacos, unha rica historia e un símbolo industrial de grande importancia en Galicia. As rutas programadas son unha boa e saudable forma de coñecer todo este patrimonio da vila do Morrazo.

Gozar con...
Parella Grupo
Cando ir...
Inverno
Onde...
Costa Sur