Cabecera experiencia

Sabucedo surfea sobre un mar de crinas

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Verán Verán
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte
Nunha xornada ordinaria esta parroquia da Estrada non alcanza o medio centenar.de habitantes. Esta cifra multiplícase exponencialmente nun só momento do ano, o que coincide coa celebración da Rapa das Bestas, de interese turístico internacional. Visitantes e medios chegados de todos os puntos do planeta gozarana en só uns días.

Corpo a corpo. Así é a loita ancestral na que aloitadoras, aloitadores e cabalos se mergullan no Curro do Campo do Medio, na parroquia estradense de Sabucedo. Segundo a lenda, dúas irmás ofrecéronlle a San Lourenzo, patrón do lugar, dúas eguas. A ofrenda completaríase se se salvaban dunha peste que, imparable, arrasaba a vila. A promesa cumpriuse e naceu a Rapa das Bestas. Séculos despois, xa coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional, a rapa conmemórase a principios do mes de xullo; este ano terá lugar do 7 ao 10.

O curro de Sabucedo é o máis internacional e nel exclúese o uso de calquera pau ou utensilio de axuda que non sexa a forza do ser humano.

A tradición forma parte do día a día das veciñas e veciños, que desde moi pequenos se internan no curro para axudar as aloitadoras e aloitadores, ao principio cos poldros. Do mesmo xeito, o costume de visitar Sabucedo por estas datas e de colaborar coas tarefas de reunión das mandas nos montes próximos está moi arraigado nas xentes das parroquias próximas, que durante décadas encamiñaron as eguas e garañóns (cabalos macho) de cada manda cara á aldea.

Desde hai uns anos esta tarefa –que antes se realizaba os sábados– ten lugar durante a xornada do venres. Deste xeito resérvase a fin de semana para o espectáculo do curro, para o que non adoitan quedar entradas dispoñibles. Sexa baixo un sol de xustiza ou nun día de menos calor, as bancadas énchense e as colas parecen interminables. Todo paga a pena para gozar dun espectáculo único.

Durante o curro córtanse as crinas das eguas e cabalos, que, ademais, son desparasitados. En primeiro lugar as crías sepáranse das súas nais e son os máis novos os que se encargan de encamiñalos cara a un espazo habilitado para iso. Os aplausos parecen elevar a súa intensidade cando os garañóns se enfrontan, unha imaxe que deu a volta ao mundo. Unha vez rapados, os animais emprenden o seu traxecto cara ao enclave no que descansarán ata a súa volta aos montes.

O luns celébrase un novo curro. Esta vez de carácter solidario, xa que se doa a recadación a distintas causas benéficas. Nesta ocasión será destinada integramente á Fundación Amigos de Galicia. Cara ao mediodía, a tradición chega un ano máis a un novo punto e seguido, o que encamiña as míticas mandas de Sabucedo ao seu fogar, os montes estradenses.

Acampada, turismo rural e comidas en familia

Ademais de pasar a noite en casas de turismo rural da zona –que ofrecen especialmente o paquete TuriRapa a través da asociación Mar de Compostela– Sabucedo propón a quen o visita a posibilidade de acampar para gozar desta tradición. Así, cada ano habilítanse zonas específicas e gratuítas que ofrecen duchas e baños de uso público.

Por outra banda, é habitual ver como familias e grupos de amigos gozan de comidas campestres na contorna do curro. Neste espazo instálanse, ademais, diversos negocios coma polbeiras.

Rapasóns

A cultura galega ten, ademais, unha gran presenza en cada edición da Rapa das Bestas, especialmente da man do festival Rapasóns, que, a partir das 23:00 horas do venres, reunirá na aldea a Banda de Gaitas de Forcarei, a Banda da Balbina, Os Bregadiers, Chotokoeu e Nao.

Ruta de Vesacarballa

Na contorna pode realizarse, ademais, a ruta dos muíños de Vesacarballa. Unha senda curta de gran beleza que conta con muíños recentemente restaurados. Pontes, un serradoiro aberto ás visitas durante a Rapa, os propios muíños e distintas canles para a auga acompañan a quen camiña.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Interior Norte