San Xoán acende As Rías Baixas

Buscador
Flores. Auga. A noite. O lume. E, por suposto, as sardiñadas. Todos eles son elementos propios dunha das celebracións máis tradicionais nas Rías Baixas, o San Xoán. Na noite máis curta do ano, e tamén a máis máxica, o lume purificador acende a provincia. Apunta cada un dos seus rituais!

Sálvote lume de san Xoán

para que non me trabe

cadela nin can

nin cantos males han

Con estas palabras –e outras variantes moi similares dependendo da zona xeográfica das Rías Baixas– espántanse os males e atráese a sorte ao saltar sobre as populares fogueiras na noite de San Xoán. As cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas repártense por toda a provincia, acendendo en Pontevedra a chama da tradición e a celebración popular. A noite máis máxica do ano coincide, ademais, coa máis curta, ao ter lugar o solsticio de verán.

O lume, convertido en purificador, é o elemento máis característico desta velada, a do 23 ao 24 de xuño. Tras pasar de xeración en xeración, o costume de facer provisión de madeiras ou restos vexetais para as fogueiras da noite complétase, antes da caída do sol, con numerosos rituais.

Destaca, entre eles, a elaboración da tradicional auga de San Xoán. Plantas e flores son os ingredientes principais deste preparado no que rosas, herba luísa, herba de San Xoán, fiúncho ou sabugueiro –entre outras variedades– se reúnen nun mesmo recipiente que, cheo de auga, durmirá ao aire libre. Crese que, deste xeito, esta auga toma a maxia da noite para purificar a pel e protexer a todo aquel que, á mañá seguinte, lave a cara coa coñecida auga das herbas de San Xoán.

Pero a flora autóctona ten, aínda, outro papel destacado nesta celebración. Herbas e flores adornan as casas na provincia, particularmente aquelas zonas consideradas como de máis fácil acceso para os malos agoiros, coma portas e xanelas. Deste xeito, croques, fentos ou herbas de San Xoán decoran o fogar que se desexa protexer.

Pero, ademais, San Xoán é sinónimo, en Galicia, de gastronomía. E de todas as receitas, son as tradicionais sardiñadas as que se reparten por praias, pobos e cidades. Sardiñas e sal son os únicos ingredientes dun dos manxares da cociña das Rías Baixas, un prato que se adoita acompañar de viño cultivado na provincia.

 

Onde se pode gozar desta tradición?

As Rías Baixas ilumínanse nesta noite de maxia. As fogueiras, principal atractivo da festa, repártense polos municipios de toda a provincia. Entre as máis populares atópanse as seguintes:

Vigo: Valadares, O Berbés, Beade, Lavadores, Alcabre, Navia ou Saiáns son os puntos clave dos rituais de San Xoán en Vigo, onde as fogueiras poden divisarse por toda a cidade. Cómpre sinalar que, ademais das sardiñas, son tradicionais os chourizos asados ou á brasa.

Pontevedra: ademais de en distintas parroquias do municipio, noutros concellos limítrofes o San Xoán ten tamén un lugar destacado. É o caso de Poio ou Marín, onde as praias son escenario de múltiples fogueiras, así como a contorna de Caldas de Reis e os municipios próximos.

O Morrazo: a contorna das praias é, unha vez máis, o máis concorrido na noite de San Xoán. Así, en Moaña  as fogueiras adoitan asentarse en puntos coma O Con ou Meira, mentres que en Cangas destacan Liméns ou Rodeira, entre outros. Pola súa banda, en Bueu estas fogueiras son habituais en areais coma Ancoradouro ou Mourisca.

O Val Miñor: na zona de Nigrán, Baiona e Gondomar o San Xoán celébrase tamén ao grande. Destaca, especialmente, a festividade que, cada ano, se repite na praia de Panxón.

Arousa: a praia de Compostela, Canelas ou Bamio son algúns dos puntos neurálxicos das fogueiras máxicas de San Xoán na comarca. Aínda que estes lumes se reparten por todos os seus municipios e parroquias, sobresae o San  Xoán meco, no Grove.

Deza e Tabeirós-Terra de Montes: na zona norte da provincia as fogueiras son tamén protagonistas. Como rituais máis propios destaca o tradicional San Xoán do Areal de Berres –na Estrada e con combate fluvial na canle do río Ulla– ou o novo San Xoán celta da parroquia estradense de Callobre.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur